Violencia machista

A violencia machista é o símbolo máis brutal das desigualdades entre mulleres e homes. Un tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres polo simple feito de ser mulleres, unha manifestación máis do sistema patriarcal que verifica que as relacións de poder entre mulleres e homes sitúan ás mulleres nunha situación de subordinación.

Este apartado aborda a realidade da violencia machista na cidade de Santiago de Compostela. Para comprender a gravidade e presenza deste fenómeno a nivel local, establecéronse tres grandes eixos: nivel da violencia machista, ámbitos da violencia e resposta institucional.

Neste senso, establécense indicadores que permiten valorar a magnitude da violencia machista, así como analizar a resposta que se articula a nivel municipal en forma de accións preventivas, campañas de sensibilización e recursos/programas específicos que afonden nas raíces deste problema. Considérase fundamental o papel do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e súa actuación coordinada con outros axentes locais para dar resposta as necesidades e demandas das mulleres que se atopan nunha situación de violencia.

Polo momento, este apartado non conta con toda a información necesaria para permitir unha análise en profundidade. Con todo, mostramos a continuación os indicadores que contan con información, así como unha proposta para guiar futuros estudos que analicen o estado da cuestión na cidade, extraídas do estudo cualitativo realizado.

Ademais anexamos un documento no que se mostra a información recollida na Mesa de Traballo centrada na Violencia de Xénero, celebrada en Outubro de 2016. 

Nota metodolóxica:

  • Todos os indicadores cuantitativos que teñen como fonte a Delegación do Goberno de Violencia de Xénero e o Poder Xudicial de España responden ao nivel de Partido Xudicial. Trátase de datos que engloban información dos Concellos de Ames, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo e Vedra. Os organismos oficiais non ofrecen información desagregada a nivel municipal.
  • A información analizada vai desde 2014 até 2016

Nivel de violencia

Dende 2014 até a actualidade foi asasinada unha muller en Santiago de Compostela. Concretamente, unha muller de 30 anos o 18 de decembro de 2016, a mans da súa exparella (Santiago de Compostela, 2016).

A muller asasinada en 2016 en Santiago de Compostela non presentara denuncia previa (Santiago de Compostela, 2016).

Fonte de datos: Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, 2016.

A cifra de denuncias de 2016 responde a unha lóxica similar á de 2014 e 2015.

Atendendo á orixe da denuncia, a tendencia é que a meirande parte deriven de atestados policiais con denuncia da vítima (2014: 87,30%, 2015: 77,33% e 2016: 73,71%), seguidas por aquelas que xorden dun parte de lesións (2014: 2,46%, 2015: 12,96% e 2016: 20,26%). As denuncias que son presentadas directamente pola vítima representan unha porcentaxe moi minoritaria (2014: 0% , 2015: 4,86% e 2016: 1,72%), seguida por aquelas que derivan da intervención directa policial (2014: 9,84%, 2015: 4,45% e 2016: 3,88%).

Fonte de datos: Poder Xudicial de España, 2016.

O número total de vítimas mulleres (con orde de protección ou medidas cautelares) nestes tres últimos anos foi de 70 en 2014, 71 en 2015 e 79 en 2016. 

A tendencia nestes últimos tres anos é que as porcentaxes máis elevadas se concentren nos casos nos que o agresor tiña ou tivera unha relación afectiva coa vítima.

Ámbitos da violencia

Este apartado ten como obxectivo valorar a magnitude da violencia como unha problemática que abarca diferentes ámbitos. No estudo cualitativo apúntase a necesidade de cuantificar os delitos de abuso, acoso e agresión sexual; as vítimas de tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual e prostitución; as vítimas de mutilación sexual feminina e os casos de acoso sexual e acoso por razón de sexo no lugar de traballo.

Resposta institucional

No estudo cualitativo posiciónase a necesidade de avaliar a resposta que se está a xestionar dende diferentes áreas para detectar os casos de violencia machista. Concretamente, apélase á necesidade de valorar o número de casos de violencia identificados nos centros regrados de ensino obrigatorio e postobrigatorio, en escolas de lecer e tempo libre.

Por outra banda, considérase fundamental valorar o número de mulleres que son atendidas no sistema sanitario público, na atención primaria, na atención especializada e nos servizos de urxencias como consecuencia da violencia.

Até o momento contamos con información sobre a actuación xudicial e municipal, así como sobre a prevención impulsada pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo.

Fonte de datos: Poder Xudicial de España, 2016.

 A meirande parte das ordes de protección solicítanse a instancias da vítima (2014: 92,85 %, 2015: 88,73 %, 2016: 93,33 %). En segundo lugar, as porcentaxes máis elevadas segundo o axente solicitante de ordes de protección son aquelas que impulsa o Ministerio Fiscal (2014: 5,63 %, 2015: 7,04 %, 2016: 5,00 %). Unha mínima parte das mesmas son demandadas de oficio (2014: 1,42 %, 2015: 4,22 %, 2016: 1,67 %). As porcentaxes de ordes de protección denegadas varían considerablemente, aínda que en ningún dos anos chegan a ser demasiado elevadas (2014: 2,85 %, 2015: 23,94 %, 2016: 14,28 %).

Fonte de datos: Poder Xudicial de España, 2016.

86 homes foron axuizados desde 2014 até 2016 no Partido Xudicial de Santiago de Compostela, dos cales 80 foron condenados. Concretamente, no último ano foron axuizados 35 homes, dos cales 32 foron condenados.

Fonte de datos: CIM, 2016.

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Santiago de Compostela conta cun servizo de asistencia xurídica, laboral e psicolóxica dirixida a mulleres. En 2016 o CIM realizou 102 atencións.

Fonte de datos: Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, 2016.

En novembro de 2015 lévase a cabo a campaña en contra das violencias machistas «Compostela en negro», que marca como principal reto o establecemento de redes con axentes sociais e económicos da cidade ao redor da repulsa de calquera acción violenta por razón de xénero. O sector que amosa un maior nivel de participación e compromiso é o do comercio: até 250 establecementos forman parte da iniciativa. En novembro de 2016 celébrase a segunda edición desta campaña, e nesta ocasión adhírense 16 Concellos de toda Galicia e 2735 establecementos e axentes sociais.

«Recicla o Xénero» é un proxecto municipal que se activou, en formato piloto, no curso 2015/16, coa intención de favorecer a detección de necesidades e demandas dos institutos da cidade e analizar a resposta do alumnado ante un programa de sensibilización en materia de igualdade. O proxecto desenvolveuse en tres dos Institutos de Educación Secundaria da cidade (IES Pontepedriña; IES Antón Fraguas; IES Fontiñas; IES Xelmírez). No curso 2016/2017, a nova edición do programa pasou a abarcar a totalidade do curso escolar (Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, 2016).