Participación e movementos sociais
Neste bloque pretendemos visibilizar as desigualdades de xénero que existen na intervención das mulleres e os homes na vida pública, que se materializa na súa participación efectiva nos ámbitos social e comunitario. Hai décadas que os estudos feministas desvelaron a existencia de barreiras que impiden que as mulleres participen en igualdade de condicións cos homes. Identifícanse diferentes obstáculos que teñen que ver co tempo dedicado a tarefas reprodutivas por parte das mulleres ou coa existencia de estereotipos de xénero que impiden que as mulleres adquiran un papel activo. Así, dende o ámbito público é necesario establecer mecanismos que garantan a participación e a capacidade dos colectivos feministas e de mulleres á hora de situar as súas demandas na axenda política.
Para estudar as desigualdades neste ámbito, centramos a atención tanto nas desigualdades existentes como nas ferramentas impulsadas dende a administración municipal para palialas. Cara o futuro, destaca a necesidade de crear un mapa de colectivos feministas e do tecido asociativo de mulleres da cidade.
Participación
Fonte de datos: Concello de Santiago de Compostela, 2016.
As asociacións de mulleres que constan no Rexistro Municipal suman o 3,58 % da totalidade de asociacións rexistradas.
No estudo cualitativo reflexiónase en torno aos retrocesos importantes no plano da participación das mulleres na vida pública dos últimos anos. Faise unha análise dende un plano estrutural e considérase que os recortes orzamentarios e o contexto de crise económica está levando a unha volta das mulleres ao ámbito privado. En xeral, a supresión de políticas e organismos centrados na igualdade de xénero supuxeron importantes obstáculos que impiden materializar unha participación social, política e comunitaria real das mulleres.
Capacidade de incidencia
Fonte de datos: Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, 2016.
Na actualidade existe o propósito de crear un Consello de Participación das Mulleres
A Mesa Local de Coordinación de violencia de xénero está en proceso de creación, logo de ser aprobada por pleno municipal o 28 de abril de 2016. A mesa contará coa participación de representantes da Concellaría de Igualdade, dos servizos sociais, da Policía Local, dos colexios profesionais, da Fiscalía, da inspección educativa, do SERGAS e de tres entidades feministas (a Marcha Mundial das Mulleres, a Federación Galega Feminista e Conas Ceives).
O proxecto «Compostela, Territorio das Mulleres» pretende ser unha pantalla para visibilizar e facer transparentes todas aquelas accións que se desenvolvan dende a Concellaría. Un dos apartados do seu web está destinado a dar a coñecer cales son as organizacións, asociacións, entidades ou organismos que traballan en prol da igualdade na cidade. Deste xeito constrúese un mapa da mobilización, do activismo e do asociacionismo feminista. Así mesmo, evidénciase a vontade de colaborar con este tipo de axentes.
A próxima apertura da Casa das Mulleres aposta pola visibilización e o establecemento de canles de comunicación entre as organizacións feministas e de mulleres e o Concello.No estudo cualitativo sinálase a importancia de contar con mecanismos de incidencia reais, e a urxencia de pór en marcha un Consello de Participación das Mulleres e de contar cun espazo propio de traballo como pode chegar a ser a futura Casa das Mulleres.O sentir concéntrase na necesidade de recuperar estes espazos e mecanismos para lograr unha capacidade real de participación e incidencia con respecto ao funcionamento municipal.
Políticas municipais de participación social
Fonte de datos: Concello de Santiago de Compostela, 2016.
No estudo cualitativo percíbense grandes trabas á hora de acadar postos de representación e poder neste tipo de espazos. Identifícase coma principal a existencia de patróns masculinizados que se establecen como norma nos liderados de participación social da cidade.
Recoñecemento
O Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres 2016 está impulsado pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo.
Este premio ten os seguintes obxectivos:
- Potenciar a presenza e o recoñecemento social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade
- Facer visibles as súas achegas ao longo da historia
- Promover a igualdade efectiva de mulleres e homes e erradicar as diferentes formas de discriminación e desigualdade que viven a día de hoxe as mulleres