O sector hostaleiro en Santiago de Compostela: afiliación, formación e condicións laborais
A hostalería ten un peso específico dun 8,1% na economía compostelá. Ademais, é un sector que dá emprego principalmente ás mulleres, que representan o 65% da base de datos empregada como referencia para a elaboración do estudo.
A análise realizouse a través dunha enquisa teléfonica a homes e mulleres que actualmente traballan no sector ou constan como demandantes de emprego en hostalería en Santiago de Compostela. Os datos dan conta da situación de aspectos relacionados coa formación, a experiencia laboral e as condicións de traballo.
O estudo revela algunhas fendas de xénero, as máis importantes relacionadas coas condicións laborais das persoas traballadoras. Así, só o 1,1% dos homes enquisados ocupa actualmente un posto relacionado coa limpeza fronte a un 9,2% de mulleres. Na contratación tamén existen diferenzas relevantes xa que un 25,9% dos homes afirma contar actuamente cun contrato indefinido fronte ao 16,4% de mulleres, que tamén son máis frecuentes na contratación en prácticas, 10,1% fronte ao 3,1%.
Se atendemos ao dato relacionado co contrato máis frecuente ao longo da vida laboral, un 23,7% dos homes responden indefinido fronte a un 15% de mulleres e un 57,6% sinalan temporal fronte ao 63,3% das mulleres. Nas mulleres teñen máis frecuencia os contratos de duración inferior a un ano así como tamén son elas quen reflicten un maior número de xornadas parciais ou por horas.
Unha das fendas máis importantes das que dá conta o estudo é a fenda salarial. No tramo máis baixo, de ata 650€, atopamos ao 29,9% dos homes e ao 42,1% das mulleres; nun tramo intermedio-alto, de 901 a 1200€, sitúanse o 30,4% dos homes e o 22,3% das mulleres e, ao tramo máis alto, de máis de 1200€, recoñecen pertencer o 8% dos homes e o 4% das mulleres.