Grupo de Traballo Fiadeiras
Pretendemos xerar un espazo para o encontro, reflexión e traballo profesional das educadoras e educadores sociais da nosa comunidade, encamiñado a romper cos modelos sexistas que seguen a frear a día de hoxe os avances cara unha sociedade democrática e xusta.
Os valores fundamentais que sosteñen o noso quefacer son a Igualdade, a Xustiza Social, a Sororidade e a Non Violencia; imprescindibles para comprometer a praxe do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) e situar a igualdade de xénero como valor central da práctica educadora.
As accións que Fiadeiras leva a cabo desenvólvense nunha dobre dirección, pois teñen un carácter interno e externo; é dicir, combínase un traballo “intracolexial” centrado na propia Xunta de Goberno, o persoal laboral e as persoas colexiadas; con outro dirixido á cidadanía en xeral, destacando a participación activa de Fiadeiras no movemento feminista galego e a súa colaboración con outras entidades no ámbito socioeducativo.
Concretamente, recollemos as actuacións que levamos a cabo entorno a tres grandes bloques:
- Actividades formativas: encamiñadas a mellorar a formación das educadoras e educadores sociais en materia de igualdade entre mulleres e homes, integrando a perspectiva de xénero como elemento crítico da súa práctica profesional.
- Actividades reivindicativas: encamiñadas a denunciar discriminacións que permanecen activas e limitan as posibilidades de desenvolvemento das mulleres.
- Actividades culturais: encamiñadas a fomentar a participación das mulleres na vida cultural e asociativa da comunidade, abrindo foros para o debate e a reflexión sobre a posibilidade dun mundo que non sexa masculino singular.