Comisión de Igualdade. Consello da Cultura Galega
Esta Comisión presta atención a peticións e consultas relacionadas con mulleres, feminismos, xénero e igualdade provenientes da propia institución, dos poderes públicos galegos, de entidades de diversa índole e de persoas concretas (investigadoras, docentes e xente interesada en xeral).
Organiza xornadas públicas de reflexión e debate nas que se afonda no lugar ocupado polas mulleres en diferentes espazos e ámbitos de relacións sociais. Promove anualmente, en colaboración co CGAI, o ciclo de cinema Olladas de mulleres no mundo. Dispón dun fondo documental, bibliográfico, hemerográfico e arquivístico vinculado ás producións dos feminismos organizados en Galicia desde mediados da década dos sesenta do século XX e que pode ser consultado na sala.
Amais disto, co obxectivo de recuperar e facilitar progresivamente o acceso á información, datos, voces, imaxes, escritas, traballos e traxectorias individuais e colectivas de mulleres galegas e/ou relacionadas con Galicia, coordina o recurso documental dixital Álbum de mulleres que se compón dos seguintes espazos: Biobibliografías, Liñas do tempo, Especiais, Xornadas, Cartografías e Ligazóns de interese.
Tamén son iniciativa desta Comisión outros recursos dixitais como a Hemeroteca Feminista Galega A Saia ou o Epistolario de Rosalía de Castro, ambos realizados en colaboración co Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona.