
Compostela en Negro 2017
O Concello de Santiago emprende, por terceiro ano consecutivo, #CompostelaEnNegro, unha campaña de sensibilización e denuncia social contra as violencias machistas. Trátase dunha acción que nace na cidade en 2015 e na que hoxe participan, de forma coordinada, máis de 70 concellos galegos.
Cada un dos concellos implicados en En Negro Contra As Violencias prevé accións concretas a desenvolver no seu termo municipal para traballar cos diferentes grupos de poboación a sensibilización e o compromiso para erradicar a violencia de xénero. Así, por exemplo, no Concello de Santiago o Comando Igualdade estivo no IES Rosalía de Castro e no CSC das Fontiñas. Tamén en Compostela, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres o venres 24 de novembro ás 12:30 estaba organizado o acto de lectura do manifesto con diversas accións contra as violencias machistas na praza do Obradoiro e unha concentración de repulsa deste tipo de violencias aberta a toda a cidadanía. Lamentablemente e por motivos meteorolóxicos, as actividades tiveron que trasladarse ao Teatro Principal de aforo limitado que se completou practicamente co alumnado do institutos participantes no acto e polo que o Concello pide desculpas polas molestias que isto puido ocasionar.
No acto participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Marta Lois; a escritora Rosa Aneiros, encargada de dar lectura a un manifesto institucional asinado por todos os grupos políticos de Raxoi e aprobado no pasado Pleno, varios membros da Corporación e algúns institutos de Compostela. Presentouse o anuncio da campaña “E ti que farías?" con guión e dirección de Uqui Permui, no que se contou co actor Xoán Fórneas, as actrices Paula Ballesteros-arias e Paloma Saavedra, o colectivo Comando Igualdade coa titoría de Chis Oliveira e Valentín Carreras a cargo da produción. Este spot realizouse co finanzamento do programa ‘Compostela Móvese, 2017’ de CERSIA. Trátase dun experimento social para reflectir como nos comportamos cando ao noso carón xorde unha situación de ciumes e control por parte dun mozo sobre a súa parella, pretendendo concienciar da importancia de detectar estas actitudes a tempo e dar apoio ás mulleres para que estas sexan quen de defenderse.
A cerimonia continuou con varias actuacións a cargo de catro institutos da cidade. Os alumnos e alumnas do IES Arcebispo Xelmirez I interpretaron un rap composto por eles mesmos/as e titulado "Os mitos non son feitos nin realidades". Pola súa banda, os rapaces e rapazas do IES Lamas de Abade e do IES Arcebispo Xelmírez II deron lectura a dous textos sobre a discriminación sufrida polas mulleres en varios eidos da vida. Por último, foi a quenda do IES Rosalía de Castro, que levou a cabo unha performance deseñada para a ocasión.
O acto rematou cunha actuación do equipo feminino de roller derby As Brigantias. Consistiu na entrada no escenario portando unha tea en forma de triángulo branco, logo da campaña En negro contra as violencias, acompañadas polo alumnado que participou no acto para formar a imaxe do lema da iniciativa.
A campaña desenvolveuse entre os días 23 e o 26 de novembro durante os que #CompostelaEnNegro animou a toda a cidadanía a colgar unha bandeira ou unha prenda negra nas ventás das nosas casas, a vestir de negro os escaparates e zonas visibles dos nosos establecementos comercias e a utilizar os diversos materiais que estiveron a disposición de todas e todos para difundir esta acción (bandeiras, carteis, camisetas, mochilas etc.). Os días previos estiveron habilitados catro puntos de distribución de material e información sobre as violencias machistas: o Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 16), o Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa de Berlín, 13), o Matadoiro Compostela (praza do Matadoiro) e a Casa das Mulleres (rúa de Bernardo Barreiro, fronte ao IES do Sar).
Desde o Concello de Santiago agradecemos os máis de 800 apoios á campaña Compostela en Negro de entidades, colectivos e establecementos e, por suposto, do voluntariado covocado a través do SEPIU-USC, que colaborou nas tarefas de distribución do material. Especialmente, consideramos que a USC e os IES da cidade fixeron un esforzo por vestir de negro os seus espazos e por darlle difusión á campaña, á que tamén contribuíron de forma desinteresada as empresas Gadisa, Coca Cola, Tórculo, Finsa, Ternera Gallega, Viaqua, así como NUMAX, Cineuropa e os Cines do Centro Comercial As Cancelas.
Podes atopar todos os establecementos que se sumaron e apoiaron a acción contactando a través de compostela25n@gmail.com no mapa de Compostela En Negro, e ampliar información a través da web da campaña ennegrocontraasviolencias.gal. Esta acción foi financiada con fondos europeos FEDER.
#GaliciaEnNegro #ContraAsViolencias