Unha ollada feminista ao programa do 35º Cineuropa

10 de Novembro de 2021

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o deputado de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, e o director de Cineuropa, José Luis Losa, presentaron a 35ª edición de Cineuropa, que se celebra entre os días 8 e o 24 de novembro en seis salas da cidade -Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX, Multicines Compostela, Museo das Peregrinacións e Sala Mozart do Auditorio de Galicia- nas que se proxectarán 161 películas, das cales 88 serán gratuítas. En concordancia aos novos tempos, o certame tamén porá a disposición do público unha escolma de 16 títulos de diferentes seccións que estarán dispoñibles para o seu visionado na plataforma Filmin.

No programa do festival, dispoñible para descarga, están sinalizadas co logo de WomArts os 36 filmes dirixidos por mulleres. A presenza é especialmente salientable na nova sección competitiva Novas/os Cineastas e esta é a primeira parada que vos recomendamos facer polo itinerario feminista do festival: descubrir ou afondar nas novas cineastas, que están a achegar novas e enriquecedoras perspectivas mesmo sobre temas xa tratados. Velaquí tedes as citas:

MIS HERMANOS SUEÑAN DESPIERTOS de Claudia Huaiquimilla
Xoves 11, 20.00 | Salón Teatro
Sábado 13, 21.30 | NUMAX

LIBERTAD de Clara Roquet
Sábado 13, 17.00 | Salón Teatro
Domingo 14, 19.15 | Teatro Principal

NIEMAND IST BEI DEN KÄLBERN / NO ONE’S WITH THE CALVES de Sabrina Sarabi
Luns 15, 19.15 | Salón Teatro
Mércores 17, 17.00 | Salón Teatro

LA CHICA NUEVA de Micaela Gonzalo
Mércores 17, 21.30 | Salón Teatro
Xoves 18, 21.30 | Multicines Compostela

Ademais, Ana Gontad, responsable de programación do festival, sinala varios pases que poñen o foco en colectivos de mulleres ou en problemáticas ligadas coa muller. Son os seguintes:

PASE ESPECIAL AGNÉS VARDA
LE BONHEUR / A FELICIDADE de Agnès Varda
Presentación de Agnès Varda. Espigadora de realidades y ensueños de Inma Merino
Luns 15, 19.30 | NUMAX

ANA. SEM TÍTULO de Lucia Murat
Luns 15 20.15 | Multicines Compostela

JANE PAR CHARLOTTE de Charlotte Gainsbourg
Luns 15, 22.00 | Teatro Principal
Sábado 20, 23.00 | Salón Teatro

LAS SINSOMBRERO de Tània Balló, Serrana Torres e Manuel Jiménez Núñez
Domingo 21, 17.00 horas | Auditorio de Galicia (Sala Mozart)

LA CIVIL de Teodora Mihai
Luns 22, 19.30 | Salón Teatro
Martes 23, 22.00 | Salón Teatro

Á nova sección competitiva de Novas/os Cineastas e ás xa clásicas seccións oficiais e paralelas, únense este ano a sección temática Cinema e Totalitarismo, 1971. O ano das armas, a Retrospectiva Fernando Fernán Gómez, a Retrospectiva Alberte Pagán e outras seccións moi especiais. Cómpre salientar a presenza de Suíza como país convidado na programación do festival e os Premios Cineuropa á actriz Verónica Forqué e aos cineastas Nadav Lapid e Alberte Pagán.