Un percorrido feminino e feminista polas actividades da Selic 2021
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e as concelleiras Marta Lois e Branca Novoneyra visitaron a Selic na súa inauguración xunto ao director do festival, Camilo Franco, e comprobaron como, deixando a un lado as presentacións ao uso, este segundo ano de pandemia a Selic persegue o debate e a conversa sobre lecturas. Máis de medio cento de títulos protagonizan o festival nesta 5ª edición que se vai desenvolver ao aire libre entre a rúa do Vilar e a praza de Praterías, empregando tamén os espazos do edificio de Afundación na mesma rúa da zona vella. As casetas alí situadas serán o marco dos diferentes encontros do corpus literario do festival.
Ler é comprender, máis tamén adiviñar. Na Selic as lecturas van fiar as historias de Compostela paso a paso, pedra a pedra, en paseos literarios da man de Berta Dávila ou Andrea Barreira, nun percorrido polos lugares que habitou Emilia Pardo Bazán, que tamén centrará un encontro coas escritoras que están a recuperar e repensar a súa obra. Narrativa, poesía, ensaio, tradución, cinema, teatro, ilustración, contacontos, música e xornalismo. Máis de trinta accións arredor da lectura, das lectoras e autores, e das autoras e lectores, para compartir o que lemos. Dende o Territorio das Mulleres, debullamos o programa e ofrecémosvos aquí un percorrido feminino e feminista polas actividades da Selic:
Sábado 11/09
Arancha Nogueira ofrece o obradoiro Instrucións para unha biografía literaria e as tradutoras María Reimóndez, Celia Recarey e María Alonso Seisdedos, conversan sobre Traducións de premio entre elas e con Gabriel Álvarez. Podedes escoitala aquí.
Domingo 12/09
A escritora Berta Dávila percorre os lugares que compoñen o mapa de localizacións das novelas Illa Decepción e Carrusel, coa que obtivo o Premio da Crítica 2019. Con ela, Compostela vai máis alá da ficción, é tamén o lugar desde onde se escribe. Andrea Nunes modera a conversa sobre Poesía descentrada na literatura galega con Charo Pita e Laura Ramos. Podedes escoitala aquí.
Martes 14/09
A escritora Andrea Barreira busca na cidade as pegadas das mulleres que foron acusadas de bruxaría, tomando como fío, entre outros libros, a súa novela Palabra de bruxa no roteiro As pedras non esquecen e María Marco Covelo, Andrea Maceiras e Antonio M. Fraga conversan sobre os libros cos que gañaron os Premios Xerais 2020. Tanto o Coidadora de María Marco Covelo como A folla azul de Andrea Maceiras son obras creadas e protagonizadas por mulleres. Podedes escoitar a conversa aquí.
Mércores 15/09
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a Coordinadora Galega de ONGD promoven un encontro entre activistas e creadoras de Centroamérica e Galicia no que tamén son protagonistas os libros da colección Defensoras de dereitos de Agareso, creada para visibilizar a través da literatura as vidas e o compromiso coa xustiza das máis de 2.000 mulleres organizadas na Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos. Os tres primeiros volumes, escritos por Lara Dopazo Ruibal, narran as vidas de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc, tres activistas de Honduras, México e Guatemala. Podedes escoitar a conversa aquí.
Xoves 16/09
A figura de Emilia Pardo Bazán é unha das pezas clave da programación desta quinta edición da Selic e a protagonista indiscutible desta xornada, cunha conversa entre María Canosa, María Pilar García-Negro e Marilar Aleixandre moderada por Anna Figueirido (podedes escoitala aquí) e cun paseo pola vida da escritora no centenario do seu falecemento guiado por María Abelleira e Óscar Senra.
Venres 17/09
María Ángeles Iglesias e Nee Barros Fernández conversan sobre Teatro descentrado con Iria Pinheiro Santos, a partir dos seus libros Crónica dunha heterosexual insatisfeita (Editora Urutau) e Identidade. A normalidade do non-común (Editorial Galaxia). Podedes escoitala aquí.
Sábado 18/09
Paula Carballeira fala de A narrativa oral como ato de visibilidade e sobrevivência (Através Editora) nunha actividade que leva por título Contando como se conta, que podedes escoitar aquí, mentres que Ana Romaní e Chus Silva ofrecen o recital sonoro A Desvértebra, a partir do poemario homónimo.
Domingo 19/09
Carlos Labraña sigue os pasos de Coralia e Maruxa pola cidade en Paseando coas Marías, Raquel Senra ofrece un contacontos en movemento a partir de A árbore da escola (Kalandraka) e Emma Pedreira achega ao público da Selic O Gabinete de curiosidades de lady Stoner.