Sesión ELAS BRAVAS! no programa Didácticos Audiovisuais
O programa para centros de ensinos de DIDÁCTICOS AUDIOVISUAIS chega a súa 2ª edición neste curso académico 2017/2018, co fin de continuar mellorando e expandir a cultura audiovisual de nenos/as e adolescentes a través de sesións de proxección e actividades didácticas por eixes temáticos. Nesta nova edición, a través da cuarta sesión prevista ELAS BRAVAS!, celebrarase a presenza feminina no audiovisual, tanto a nivel de creación (directoras, produtoras, actrices...) como a nivel de perspectiva de xénero nas historias. Nesta sesión as protagonistas serán ELAS, en filmes con protagonistas femininas (nenas ou mulleres adultas) e/ou cuxas historias están contadas dende a súa perspectiva, e coñecemento tamén de mulleres importantes (e bravas!) da industria audiovisual.
Na actividade, que terá lugar o luns 19 de marzo con sesións ás 10 e ás 12h na sala Mozart do Auditorio de Galicia, contarase coa presenza de dúas mulleres que no debate posterior á proxección nos falarán do seu traballo no cine: Olga Osorio (directora de Eistein-Rosen) e Chelo Loureiro (produtora de The Neverending Wall).
Na sesión participará alumnado dos cursos de 5º e 6º de Educación Primaria (10-12 anos) de 14 centros de ensino de Santiago, Carnota, Ordes e Lalín. En total 520 estudantes e docentes. Ademais, a sesión ELAS BRAVAS!, como o resto da proposta de didácticos audiovisuais, conta cun programa de mediación con material didáctico específico e obradoiros de presentación e traballo sobre os contidos nos centros da cidades que o soliciten.
As pezas audiovisuais que se presentarán son:
- The Neverending Wall / O muro sen final (Silvia Carpizo, 2017)
- Out of Sight / O que está agochado (Ya-Ting Yu, 2010)
- Can I Stay? / Podo quedar? (Paige Carter, Katie Knudson e Onyee Lo, 2015)
- Einstein-Rosen (Olga Osorio, 2016)
- O meu veciño Totoro (Hayao Miyazaki, 1988) (Dúas escenas da longametraxe)
- Selfie Cat / O gato selfie (Elsa Divet, Geoffrey Assie e Emeline Bernard, 2015)