Quince novos concellos amosan o seu interese pola campaña "En negro contra as violencias"
O CERSIA acolleu esta mañá unha xuntanza de coordinación e preparación da cuarta edición da campaña En negro contra as violencias, na que participaron representantes de 60 concellos e das deputacións da Coruña e Lugo, da man das súas deputadas en materia de Igualdade.
En total participaron máis dun cento de persoas, entre persoal político e técnico das diferentes institucións. A concelleira de Igualdade amosou a súa "satisfacción pola acollida desta primeira reunión preparatoria, coa que facemos novamente de concello anfitrión iniciando o contacto co conxunto de concellos que se adheriron nos últimos anos á campaña". Marta Lois indicou que "ata o día de hoxe son 15 os novos concellos que amosaron interese por participar na campaña" e avanzou que o obxectivo nesta edición é "crear unha rede en negro contra as violencias machistas que poida chegar ao maior número de recunchos de Galicia".
Campaña nacida en 2015
En negro contra as violencias naceu en 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela en negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.
Partindo desta práctica inicial e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, en 2016 uníronse 16 concellos máis para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro contra as violencias. Na terceira edición, en 2017, foron 75 os concellos adheridos que intentaron situar esta loita na axenda política, aos que se sumaron tamén tres deputacións provinciais. Ademais, o ano pasado, unha delegación deses concellos viaxou a Bruxelas para presentar a campaña a nivel europeo no Parlamento.