Queres transformar Compostela desde a arte, co proxecto Utópicas?

26 de Abril de 2022

A concelleira Mercedes Rosón presentou esta mañá na Casa do Concello Utópicas, arte e territorio, acompañada por Clara Rodríguez e Sara Alonso de 7H Cooperativa Cultural. Utópicas reivindica a importancia da cultura para fomentar vínculos comunitarios e faino dende unha premisa fondamente participativa. O proxecto botou a andar o pasado mes de marzo cunha convocatoria de ideas aberta á cidadanía á que se presentaron trinta propostas, das que foron seleccionadas cinco que ofrecen unha interesante ollada feminista sobre a cidade:
- Corpos en Resistencia. Laboratorio de reflexión e creacioón arredor da migración. Idea que busca visibilizar e reivindicar as identidades e vivencias das persoas migrantes e/ou racializadas da cidade desde os seus propios relatos e subxectividades.
- Rúas da memoria. Laboratorio de recuperación, transmisión e difusión da herstoria compostelá. Idea que busca resignificar as rúas e os espazos da cidade para reivindicar a memoria histórica de Compostela desde os feminismos.
- Libros que fan barrio. Laboratorio de deseño e creación de minibibliotecas de rúa. Idea que busca articular espazos públicos de sociabilidade, repouso e comunidade na área do barrio de San Pedro.
- Percorrendo a memoria. Laboratorio de mapeado colaborativo e recollida de saberes domésticos arredor da biografía colectiva. Idea que busca poñer en valor a experiencia das mulleres maiores (+70 anos) e a súa participación nos cambios sociais e culturais do barrio dos Concheiros – As Fontiñas.
- Na procura dun bosque. Laboratorio para transformar o espazo urbano desde os coidados e o xogo libre. Idea que busca recuperar a cidade para a infancia, ponñendo en valor os espazos verdes de Compostela e integrando a perspectiva lúdica e os coidados na análise do territorio.

O proxecto, deseñado por 7H Cooperativa Cultural e producido polo Auditorio de Galicia, busca agora colaboradoras/es para conformar comunidades de aprendizaxe e creación artística responsables de transformar colaborativamente estas cinco ideas en proxectos artísticos concretos. Calquera persoa interesada en participar neste proceso de creación comunitaria pode inscribirse mandando un correo electrónico a utopicas@7hcoop.gal ata o 11 de maio. Terán que indicar cal das cinco propostas é a do seu interese ou priorizar a orde, se elixe varias. Só teñen que ser maiores de idade, sen importar o seu ámbito de experiencia ou grao de especialización e non é necesario contar con coñecementos artísticos. Elixiranse un máximo de 10 colaboradores/as por proxecto e procurarase garantir, nesta selección, unha diversidade e pluralidade representativa do contexto compostelán, de forma que os grupos conformados sexan o máis heteroxéneo posible. Nos meses de maio a setembro desenvolveranse cinco sesións de traballo para o deseño e prototipado das cinco ideas propostas. E despois nos meses de outubro a novembro, as vivencias, procesos e creacións xurdidas trasladáranse a unha proposta expositiva na Sala Isaac Díaz Pardo.

As bases da convocatoria poden descargarse na web de Compostela Cultura.