Publicadas as novas bases para acceder ás axudas para programas a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo LGTBQI e de prevención e loita contra as violencias machistas
Hoxe venres 31 de maio publicáronse no BOP as bases e a convocatoria de subvencións para o fomento de programas e actividades a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo LGTBQI e de prevención e loita contra as violencias machistas para o 2019
As beneficiarias serán as asociacións do Concello de Santiago de Compostela que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituída e inscrita no rexistro galego de asociacións e, no caso de estalo, ter actualizados todos os seus datos, polo que calquera cambio xurdido dende a súa inscrición ou última actualización, deberá comunicarse por escrito ao Departamento de Igualdade xunto á solicitude.
b)Carecer de fins de lucro.
c)Desenvolver principalmente as súas actividades no Concello de Santiago de Compostela.
d)Estar ao corrente, no seu caso, nas xustificacións doutras subvencións concedidas polo Concello de Santiago.
e)Estar ao corrente nas súas obrigas tributarias co Concello, Axencia Tributaria e Comunidade autónoma e coa Seguridade Social.
f)Non estar incluída nalgún dos supostos de prohibición ou incompatibilidade previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Non terán a condición de beneficiarias as entidades arriba sinaladas nas que concorran algunha das circunstancias indicadas no apartado 2.º) e 3.º) do artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, ou apartados 2.º) e 3.º) do artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g)Ter como obxectivo expreso nos seus estatutos ou entre os seus fins institucionais a igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes e/ou a defensa dos dereitos e liberdades das persoas e colectivo LGTBQI.
h)Ter sede, domicilio social ou delegación permanente no termo municipal de Santiago de Compostela. Entendéndose por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades
O obxectivo da convocatoria é subvencionar programas e actividades que persigan o fomento da igualdade efectiva entre homes e mulleres e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) e a prevención e loita contra as violencias machistas.
Liña 1: Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes.
O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e o desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de xénero, comprendendo algunha das seguintes actuacións:
1. Actividades de sensibilización e fomento da igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes.
2. Formación á poboación xuvenil en valores de igualdade de oportunidades para mulleres e homes.
3. Obradoiros en materia de igualdade, coeducación e prevención da violencia de xénero.
4. Actividades que fomenten a corresponsabilidade familiar e o cambio de condutas en materia de conciliación, e reparto de responsabilidades das tarefas doméstica e de coidado.
5. Accións relacionadas coa saúde da mulleres e o seu benestar xeral: obradoiros, charlas, cursos ou conferencias sobre hábitos de vida saudables; detección precoz de enfermidades; trastornos da alimentación; relacións afectivo-sexuais; autoestima e imaxe corporal; fomento da práctica de actividades físicas...
6. Formación en linguaxe non sexista.
7. Campañas a prol do xoguete non sexista e actividades de sensibilización sobre os efectos dos xoguetes sexistas nos nenos e nas nenas.
8. Actividades de información e sensibilización sobre roles e estereotipos de xénero, a súa repercusión na vida de mulleres e homes no espazo público e privado.
9. Accións sobre a educación en igualdade, dereitos, servizos e recursos para as mulleres.
10. Actividades para visibilizar o papel das mulleres na historia, na arte, na literatura, na política, na ciencia, no deporte...
11. Actividades de formación e/ou información dirixidas ás mulleres do eido rural sobre melloras para o desenvolvemento deste sector produtivo.
12. Actividades de formación e de promoción do acceso e uso das novas tecnoloxías.
13. Actividades que fomenten a participación social das mulleres.
14. Actividades que fomenten as relacións interxeracionais e interterritoriais entre mulleres.
15. Actividades que promovan o empoderamento das mulleres.
16. Actividades específicas dirixidas a mulleres que poidan estar en risco de exclusión social ou sufrir discriminación múltiple polas súas condicións físicas, psíquicas, de etnia, idade, diversidade sexual, localización xeográfica e outras circunstancias.
Liña 2. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGTBQI.
O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de trato e a consecución dos dereitos do colectivo LGTBQI, comprendendo algunha das seguintes actuacións:
1. Actividades de sensibilización contra os estereotipos e prexuízos e de promoción da visibilidade e normalización dos dereitos das persoas LGTBQI.
2. Actividades de prevención da discriminación por razón de sexo, de orientación sexual ou identidade de xénero.
3. Actividades de información e sensibilización contra a LGTBIFOBIA.
4. Actividades dirixidas á prevención e loita contra o bullyng LGTBIFÓBICO.
5.Calquera outra dirixida á consecución dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBQI e da igualdade efectiva deste colectivo.
Liña 3: Programas e actividades para a prevención das violencias machistas no municipio de Compostela.
O obxecto desta liña é o de apoiar a posta en marcha e/ou o desenvolvemento de actividades e iniciativas conducentes a avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas.
1. Actividades de formación, información, sensibilización e prevención das violencias machistas: obradoiros de formación nas violencias machistas; actos ou campañas de sensibilización; actos conmemorativos do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, etc.
2. Sensibilizar á poboación para a prevención, detección e denuncia de situacións de violencia contra as mulleres.
3. Calquera outra acción dirixida á erradicación das violencias machistas.
Contía
Para o financiamento das subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito orzamentario por importe de 30.000 euros. Poderá subvencionarse, ata esgotar o crédito dispoñible, o cen por cen do orzamento presentado, non podendo superar a contía máxima da subvención por entidade que é de 3.000 €. En todo caso, a concesión de subvencións estará suxeita á existencia do crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento de resolución da concesión.
Solicitudes
As solicitudes presentaranse no prazo de 15 días naturais contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro Auxiliar do Ensanche, rúa Frei Rosendo Salvado 14-16, baixo ou ben en calquera dos lugares indicados no apartado 4), do artigo 16, da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, tendo en conta que o horario de verán do Rexistro Municipal, para a recepción de solicitudes, será de 09.00 a 13.00 horas.