Programa “Vida Propia”

8 de Marzo de 2016
por: Xeira Consultora Sociedade Cooperativa Galega

Co obxectivo de mellorar a posición social das mulleres de Santiago que viven en contornas rurais, a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago, en colaboración coa Concellaría de Medio Rural, impulsou o Programa “Vida propia” coa finalidade de crear espazos de encontro que contribuíran a construír a autonomía das mulleres configurando a súa plena cidadanía, espazos para reflexionar sobre o seu papel na sociedade, as súas achegas, aprendendo a configurar a autoría da súa propia vida, desenvolvendo estratexias para aumentar a capacidade de decisión en diferentes ámbitos, crear novos espazos, xestionar os tempos, en definitiva, valorar a vida propia.

Nas diferentes sesións do programa abordáronse os seguintes contidos: traballo corporal, definindo espazos, autocoidados, risoterapia e representación teatral “Tacóns na corda”.

A metodoloxía que se empregou nas sesións foi práctica, participativa e adaptada á realidade concreta das mulleres participantes. O enfoque de xénero de cada sesión determinou que cada grupo de mulleres fose protagonista dos seus propios procesos de aprendizaxe, implicándose e participando activamente, respectando sempre e marcando cada quen o seu ritmo persoal no traballo realizado. A partir dos coñecementos, vivencias, actitudes previas etc., acadouse unha aprendizaxe útil, significativa e construtiva.

Esta actuación enmarcouse dentro da programación de conmemoración do 8 de marzo e, xunto a outras actividades, puxo en marcha o proxecto Compostela, territorio das mulleres. 

Participaron no programa un total de 49 mulleres de idades comprendidas entre os 24 e os 81 anos. A idade media das participantes foi de 60 anos.