O Obradoiro acolle unha exposición itinerante sobre as violencias machistas

19 de Novembro de 2018
por: TM

A exposición itinerante sobre as violencias machistas instalada no Obradoiro ata o 26 de novembro ten como principal obxectivo ir máis alá da campaña En negro contra as violencias machistas, amosando a realidade das situacións de violencia contra as mulleres que se dan na nosa sociedade. A mostra, patrocinada pola Fundación Paideia e por Finsa, consta dun triángulo completamente negro de 1224 x 918 x 918 cm por 280 cm de alto e dentro contén a información necesaria para contextualizar e explicar a orixe e as diferentes formas da violencia contra as mulleres. Inclúe tamén información detallada e rigorosa cunha metodoloxía de sensibilización activa de maneira que as persoas que se acheguen poidan interactuar e afianzar unha conciencia crítica contra as violencias machistas, así como material audiovisual e documentais sobre os tres anos da campaña. A maiores, dispón do material realizado por diferentes IES de Galicia contra as violencias machistas.

Tres partes
A instalación consta de tres partes: información, memoria e participación. Coa primeira delas trátase de transmitir de forma sinxela e gráfica, a realidade das violencias. O interior contén seis paneis de 295 x 145 cm con datos e infografías sobre a repercusión das agresións machistas. A segunda parte, a memoria, está formada por unha peza audiovisual de arredor de media hora de duración que se poderá ver, en bucle, de 9:00 a 21:00 horas, e que está formada polos materiais que se foron xerando os tres anos da campaña. Finalmente, a parte da participación artéllase arredor da coñecida "árbore dos desexos" de Yoko Ono. No seu día creouse co obxectivo de recoller as esperanzas da xente, unha cuestión que se retoma agora para que a xente poida incluír calquera desexo.

Neste caso son as paredes do interior do triángulo as que acollen esas reflexións, instalando un cordón de goma negro que se poderá cubrir de etiquetas onde, ademais de desexos, se poden compartir experiencias, denuncias ou frases. Este exercicio servirá ademais de estudo das diferentes opinións que a xente ten sobre este tema. O triángulo negro de madeira está deseñado para ser itinerante e, partir do 26 de novembro, poderá ser instalado noutros concellos de Galicia que así o soliciten.