O Concello de Santiago tramita a súa adhesión ao sistema VioGén contra a violencia machista
O Concello de Santiago vén de iniciar os trámites para a súa adhesión, a través da Policía Local, ao sistema VioGén. Este foi un dos puntos tratados na Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Santiago o 8 de maio.
O VioGén é un un sistema de seguimento integral dos casos de violencia machista liderado polo Ministerio de Interior. A aprobación do protocolo correspondente da Federación Española de Municipios e Provincias é o primeiro paso para a adhesión ao programa. O seguinte será convocar a mesa de coordinación local para continuar cos traballos de cara á adhesión a este sistema que ten como obxectivo aglutinar ás institucións públicas con competencias en materia de violencia machista. A subdelegada do Goberno na Coruña felicitou ao Concello de Santiago por dar este paso "e adherirse a un programa no que tamén están xa implicados outros municipios da provincia como A Coruña, Ames ou Teo".
Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero
O sistema Viogén, da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, púxose en funcionamento o 26 de xullo do 2007, en cumprimento do establecido na Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, "de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero", sendo os seus obxectivos:
-Aglutinar as diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero
-Integrar toda a información de interese que se estime necesaria
-Facer predición do risco
-Atendendo ao nivel de risco, realizar seguimento e protección ás vítimas en todo o territorio nacional
-Efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do "Subsistema de Notificacións Automatizadas", cando se detecte algunha incidencia ou acontecemento que poida pór en perigo a integridade da vítima.
Buscando, finalmente, establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional.