O Concello de Santiago impulsa unha campaña de sensibilización sobre as violencias machistas nos autobuses urbanos

26 de Marzo de 2019
por: TM

O Concello de Santiago vén de iniciar unha campaña de sensibilización nos autobuses urbanos de Compostela que ten como obxectivo facer do transporte público un espazo libre de violencias machistas. Trátase dunha acción desenvolvida no marco do 8M, Día Internacional das Mulleres.

Un dos eixos da campaña é a colocación de 50 vinilos rotulados en cor negra en 50 autobuses, onde se pode ler "Este autobús é un espazo libre de violencias machistas". Neles hai unha serie de pautas sobre como actuar en caso dunha agresión ou de calquera comportamento machista: "Respéctanse os espazos vitais", "Ninguén decide sobre os nosos corpos", "Non toleramos as agresións machistas" (sexan do tipo que sexan), e "Se sufrimos ou presenciamos unha agresión deste tipo, actuamos". Tamén se lembra o teléfono da Policía Local (092).

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, explicou que "esta campaña pretende sensibilizar a todas as persoas usuarias do transporte público e darlles unha serie de pautas sobre como actuar ante calquera tipo de agresión". Por iso, nos carteis se indica como actuar se unha muller presencia ou sufre calquera tipo de agresión, como exhibicionismo, tocamentos ou intimidacións. "A clave -engadiu Marta Lois- está en colocar o foco no agresor e non na vítima, de tal xeito que debe ser el quen abandone o espazo público e non a muller agredida".

O xerente da empresa pública de transporte municipal, TUSSA, Xosé Ramón Mosquera, tamén explicou que "case o 60% das persoas que usan o transporte público son mulleres, dun total de 27.000 usuarios e usuarias diarios que ten o servizo na cidade". A implicación de TUSSA e dos seus condutores e condutoras vai máis aló desta campaña concreta, posto que "o obxectivo a medio e longo prazo é valorar o éxito da campaña para elaborar un protocolo de actuación máis amplo".

Bus en negro
Estes vinilos, que se manterán de forma permanente nos autobuses, veñen a completar a acción que o Concello desenvolveu durante o mes de novembro co vinilado do autobús da liña 1, completamente tinguido de negro. Daquela tratábase dunha acción puntual de sensibilización no marco do 25N, Día Internacional contra as Violencias Machistas.