Nace COMPIGUAL para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero en centros de ensino

5 de Maio de 2021

Mercedes Rosón presentou en rolda de prensa COMPIGUAL, COMPostela pola IGUALdade de xénero, un programa para traballar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero en Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación especial. Estivo acompañada de Rosa Torrado, coordinadora xeral do programa e directora de RETNOVA Proxectia Consulting, S.L, empresa adxudicataria do proxecto, e de parte do seu equipo.

COMPIGUAL configúrase como un programa de actuación na comunidade educativa, co obxectivo de difundir e fomentar entre a infancia, a adolescencia e a mocidade escolarizada nos centros de ensino composteláns os valores positivos da igualdade entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero.

O programa responde á necesidade de fomentar a educación en igualdade desde as idades máis temperás e desde a perspectiva de recoñecemento das diversidades. As accións estarán baseadas nun enfoque transversal, integral e sistémico, asumindo como premisas básicas a coeducación e a aprendizaxe transversal. Pretende actuar nos centros educativos de Compostela, tanto públicos como privados, cos que se contactará de forma personalizada coa intención de captar o maior número de participantes, co firme convencemento dos avances que este programa permitirá realizar no camiño pola igualdade.

Promoveranse modelos de relación baseados na igualdade e a non discriminación nas distintas etapas e fomentarase a creación de novos modelos de referencia para impulsar o empoderamento feminino. No proceso de captación incluiranse todas as etapas educativas e tamén os centros de formación profesional e de educación especial. Deste xeito, convértese no primeiro programa municipal que pretende chegar a toda a poboación escolarizada non universitaria. Non obstante, tendo en conta o tamaño deste grupo de poboación seleccionaranse determinados niveis dentro de cada etapa de cara a conseguir unha máis efectiva integración das aprendizaxes entre o alumnado.

Tamén se traballará co profesorado para a adquisición de coñecementos específicos sobre coeducación e prevención das violencias de xénero, sobre a socialización de xénero e os seus mecanismos de transmisión. O persoal docente contará cunha guía de recursos didácticos para a igualdade e con charlas (in)formativas sobre a dita guía. Así mesmo, haberá actividades conxuntas da comunidade educativa, como "Lendo pola igualdade" ou "Puntos de encontro: a miña filla/alumna sofre violencia".

O programa contará tamén coa participación de asociacións ou outras entidades que actúan en áreas relacionadas con esta iniciativa e así ampliar e implicar a toda a comunidade. Por exemplo, buscarase a participación de persoas expertas de asociacións de mulleres/asociacións feministas localizadas en Santiago de Compostela, co obxecto de reforzar o traballo de concienciación do profesorado e de autocoñecemento en relación coa igualdade.

COMPIGUAL terá unha incidencia importante tamén na poboación en xeral, grazas á difusión que se levará a cabo na redes sociais e en prensa e a través de materiais de divulgación e de merchandinsing, pero tamén polos efectos indirectos de traballar con toda a comunidade educativa e coa comunidade asociativa.

Este programa desenvolveranse ao longo de dous anos, concretamente desde abril de 2021 a marzo de 2023, tocando deste xeito tres cursos escolares: último trimestre do curso 2020-2021, o curso completo 2021-2022 e unha parte importante do curso académico 2022-2023.

As accións dirixidas ao alumnado serán de diversa tipoloxía. Por un lado, accións formativas de carácter presencial a través de talleres interactivos e vivenciais para Educacion Infantil, Primaria e Secundaria. Así, traballarase en Infantil o uso non sexista de xogos e xoguetes, a responsabilidade compartida no fogar e o deporte igualitario; en Primaria, talleres como "A min gústame o rosa! - Socialización de xénero" ou "Falemos de amor-violencias machistas". En Secundaria, "Falemos de masculinidade, falemos de igualdade" e "Taller de prevención da violencia no novo contexto dixital". Por outro lado, accións masivas a través do uso das TIC en Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, como concurso de vídeos ou imaxes pola igualdade e xogos dixitais.

Neste momento, estase iniciando o proceso de comunicación cos centros educativos para a súa participación no programa, tras idear o nome, lema e logo da campaña que se tamén se presentou hoxe mesmo: COMPIGUAL, COMPostela pola IGUALdade de xénero.

Esta iniciativa forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.