Festa Territorio das Mulleres 2018

20 de Xullo de 2018
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

Rapariga Dj, Batuko Tabanka e MounQup foron as protagonistas do concerto do Territorio das Mulleres. A cita, enmarcada dentro das festas do Apóstolo, encheu a Praza 8 de Marzo por terceiro ano consecutivo.

A música en directo volveuse converter na mellor desculpa para reunir no mesmo escenario tres propostas artísticas lideradas por mulleres. Mulleres que viven e crean en Galicia pero que trenzan os seus traballos cos vimbios herdados doutras culturas, da tradición e da modernidade.

A festa colocou de novo a praza 8 de Marzo no epicentro da reivindicación feminista, igualdade real e do empoderamento das mulleres; da diversidade e do intercambio multicultural.

A mestizaxe observouse enriba do escenario, entre o público. E quedou patente no repertorio.

Rapariga Dj actuou en sesión dobre. Foi a encargada de abrir o concerto ao caer a noitiña e a encargada de pechalo despois da media noite. Animou a celebración con dúas sesións eclécticas de música e baile inspiradas en temas funk, rock, disco, electrónica.... Rapariga Dj é o alter ego de Cris Pontanilla, unha celanovesa graduada en Belas Artese que ademais de á música, tamén se dedica á fotografía.

Batuko Tabanka son dez caborverdianas de Burela, mulleres do mar e da terra, afrogalegas, que baten con paixón nun pano pregado entre as pernas mentres cantan, danzan e mostran sobre o escenario a mensaxe máis positiva das migracións. E iso fixeron, vestir a noite de cor, contaxiar o seu ritmo e achega historias cargadas de respecto e abertas ao diálogo.

MonQup é o nome artístico de Camille Hèdouin, unha artesá do son de orixe francesa e con raíces en Costa do Marfil. Agora exerce de galega, vive na Bola e fai música “electrónica vocal rural”. De feito, foi en Galicia onde comezou a xogar con loops e samplers, creando composicións que funcionan como un collage de texturas, formas e cores que teñen como resultado a súa propia paisaxe sonora.

En concerto, Mounqup presentou as músicas de Castro Verdi, o seu segundo disco, pezas suxerentes que nacen da terra para encontrarse coa modernidade, con letras intimistas e de carácter social, capaces de destruír calquera rastro de indiferencia.

A festa do Territorio das Mulleres serviu para “darlle a máxima visibilidade á reivindicación da igualdade nun momento especialmente significativo para a cidade, que conta cunha numerosa afluencia de xente que acode a estas festas" un dos obxectivos do concerto segundo destacou a concelleira de Igualdade, Turismo e Desenvolvemento Económico, Marta Lois.

O Apóstolo das Mulleres

Esta actividade súmase a unha programación festiva marcada pola presenza de mulleres nos principais escenarios.

"Este será o Apóstolo das Mulleres, porque quixemos elaborar unha programación que empoderara ás artistas femininas, tantas veces esquecidas nos carteis" salientou a concelleira de Acción Cultural na presentación dos festexos.

A actriz compostelá Nerea Barros, gañadora dun Goya por La isla mínima, foi a encargada de inaugurar as festas coa lectura do pregón. Ao seu nome súmanse outras moitas bandas e artistas compostelás, galegas e forasteiras: Mercedes Peón, Guadi Galego, Rosalía, Mala Rodríguez, Cora Novoa, Jamila Purofilin, Leilía, Voodoo, Atrás Tigre, Selvática e Marem Ladson, entroutras.