Este Nadal, rompe cos estereotipos!
A Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo pon en marcha una campaña de sensibilización para combater os estereotipos sexistas no xogo.
Este Nadal, o Concello de Santiago anima a toda a cidadanía compostelá a romper cos estereotipos sexistas, a través dunha carta da concelleira de igualdade Marta Lois e dunha postal que inclúe un decálogo para agasallar en igualdade, e que está previsto que chegue a todas as casas nos próximos días. En dita carta, explícase como “nesta época do ano é seguramente cando os xoguetes adquiren unha maior centralidade en boa parte dos fogares, polo menos naqueles onde hai crianzas que ansiosamente agardan a chegada de Papá Noel, do Apalpador ou dos Reis Magos.
Os xoguetes ademais de fonte de diversión son, sen dúbida algunha, o principal mecanismo de aprendizaxe e socialización durante a infancia. A pesar de que a sociedade ten avanzado moito en materia de igualdade entre mulleres e homes, o certo é que se continúa realizando unha separación clara dos brinquedos por sexo, promovéndose uns xoguetes para nenos e outros para nenas. Esta separación non é aleatoria, senón que responde a unha estrita asignación de roles de xénero. Así, mentres que os xoguetes dos nenos están orientados a actividades como a condución, a construción, a práctica deportiva e á competición, os xoguetes de nenas relaciónanse principalmente co coidado de bebés, limpeza do fogar, bailar, cantar ou deseñar.”
A concelleira de igualdade de Santiago sinala como “esta diferenciación dos xogos en función do sexo ten unha gran influencia na reprodución dos roles tradicionais de xénero –por exemplo, no feito de que as mulleres se encarguen fundamentalmente dos coidados e do traballo doméstico e que os homes se orienten de maneira case exclusiva ao mercado de traballo– e, por tanto, no mantemento das desigualdades entre mulleres e homes.”
Por iso, dende o Concello de Santiago recoméndase que tanto nas familias como nas escolas se fomente a igualdade durante a infancia, promovendo o uso de xogos e xoguetes non sexistas que favorezan a igualdade entre nenas e nenos.
Durante estas festas, teñamos presente que a igualdade tamén se fai xogando.