Do empoderamento das mulleres do rural: un encontro para o cambio
Preto de 60 mulleres das parroquias de Busto, Aríns, Lavacolla, Laraño e Santa Cristina de Fecha participaron durante os meses de marzo, abril e maio nos Obradoiros de empoderamento no rural das Concellarías de Igualdade e de Medio Rural do Concello de Santiago.
Foron tres meses dedicados a observar e a recoñecerse: o propio corpo, as emocións máis íntimas, os desexos, as necesidades e as frustracións que atravesan a diario; a identificar os roles de xénero na súa contorna e a valorar o impacto que teñen na súas rutinas. Neste tempo, aprenderon a expresarse e a sentirse máis libres, a rir, a gozar do tempo de seu e a mellorar o seu benestar físico e emocional.
Obradoiros no rural, Santa Cristina
En cada sesión de traballo nas diferentes parroquias de Compostela, tiveron a oportunidade de relacionarse a través de xogos musicais e cooperativos, explorando novas vías de expresión corporal e de reflexión individual, co fin de potenciar o desenvolvemento integral de cada muller. Cada grupo foi protagonista do seu propio proceso de aprendizaxe a partir dos coñecementos, das actitudes e das vivencias persoais.
Encontro en Laraño
Na despedida do programa, no Centro Cívico de Laraño, xuntáronse por primeira vez para compartir as súas experiencias, co obxectivo de poñer en valor a dimensión colectiva das súas problemáticas individuais e de crear novos espazos de convivencia e intercambio que fortalezan o asociacionismo e a autonomía das mulleres.
O encontro serviu para visibilizar e valorar o impacto dos Obradoiros de empoderamento no rural, a través do seu propio relato máis tamén da proxección dun vídeo no que as mulleres das cinco parroquias que participaron no proxecto expresaron o seu parecer sobre o transcorrer das sesións, sobre as súas propias vidas e sobre os cambios que queren introducir nelas despois teren participado nos talleres.
Esta primeira xunta das mulleres do rural de Compostela tamén tivo a súa vertente lúdica coas actuacións dos grupos de pandeireteiras de Busto e Aríns e a presentación da canle de Youtube creada por un grupo de once mulleres da Lavacolla. Aí, en Desde Sabugueira para o mundo comparten os seus trucos caseiros mailos traballos manuais que realizan.
Pandeireteiras de Aríns
En Laraño tamén houbo risas, xogos, música e merenda para celebrar o empoderamento das mulleres rurais de Santiago, para celebrar que son máis capaces e independentes, e que seguirán na senda como protagonistas do seu propio proceso de cambio cara unha sociedade máis libre, inclusiva e igualitaria.
O rural, territorio oculto
No ano 2015, a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago elaborou un informe-diagnóstico participativo sobre a realidade e as condicións de vida das mulleres compostelás no que se recollía que o territorio rural do municipio, malia a ser un espazo amplo (demográfica e territorialmente), seguía a ser descoñecido para a poboación, ao tempo que se apreciaba escasa a atención ás necesidades das mulleres rurais.
Co obxectivo de mudar esta realidade, en marzo de 2016, as Concellarías de Igualdade e de Medio Rural impulsaron o programa Vida propia, que buscaba potenciar o empoderamento das mulleres do rural favorecendo o seu crecemento persoal, o seu benestar e a súa calidade de vida. Seguindo esa liña de actuacións, e tendo en conta o interese por darlle continuidade a este tipo de accións formativas, en marzo de 2018, no marco do Día Internacional das Mulleres, xurdiu este novo programa de Obradoiros de empoderamento no rural que os seus promotores pretenden consolidar e achegar a todas as parroquias.