Continúa aberto ata o 31 de decembro o prazo para presentar traballos ao premio Xohana Torres
Continúa aberto o prazo para presentar traballos ao Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Este galardón recuperouse no 2016 con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, mantendo a esencia pola que fora creado no 1993, pero orientándoo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela e de toda Galicia.
A terceira edición do premio de investigación Xohana Torres está dirixida tanto a ensaios literarios ou científicos como a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás. Tal e como se explica nas bases, o premio ábrese á participación de calquera persoa de Galicia e o prazo está aberto ata o 31 de decembro de 2018. Nesta edición ampliouse a finalidade do galardón, abarcando a recuperación da memoria histórica das mulleres non só de Santiago de Compostela, senón de toda Galicia, a fin de recoñecer, valorar e impulsar todo tipo de traballos científicos, literarios e audiovisuais que recuperen a historia social e política das mulleres do noso país.
Premiaranse dous traballos, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual, dotados, cada un deles, con 2.500 euros.
Os traballos para a modalidade de ensaio terán unha extensión mínima de 150 páxinas e máxima de 300 páxinas, coa seguinte estrutura: introdución, na que se exprese o tema e o obxectivo do ensaio; desenvolvemento do tema, coa exposición e a análise deste; conclusións, os/as autores/as expresarán as súas ideas sobre o tema; bibliografía, coas referencias ás fontes consultadas. Pola súa banda, os traballos audiovisuais deberán presentarse por duplicado e ter unha duración mínima de 15 minutos. Aceptarase calquera tipo de expresión artística: flashmob, textos biográficos lidos ante a cámara, videoclips, fotografías, fotomontaxes, curtametraxes etc.
Todas as obras terán que empregar a lingua galega e unha linguaxe non sexista. O xurado estará formado polo alcalde/alcaldesa de Santiago ou concelleira/o en que delegue, o/a reitor/ra da Universidade de Santiago de Compostela, ou persoa na que delegue, seis profesores/as desta no ámbito da ciencia política, da filosofía, da historia, da antropoloxía ou da literatura e do xornalismo ou comunicación audiovisual. Actuará como secretario/a do xurado, o secretario/a xeral do Concello de Santiago ou funcionaria/o en que delegue. A decisión do xurado darase a coñecer o día 8 de marzo de 2019.
Xohana Torres
Foi unha poeta, dramaturga e novelista que naceu en Santiago de Compostela en 1931. A súa infancia e mocidade transcorreron en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen se inicia no coñecemento da literatura galega. Comezou a publicar poemas nas revistas Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros e no ano 1958 recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. A súa obra poética mereceu tamén o Premio da Crítica Española (1981).
Como dramaturga é autora das obras Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre río (1968), esta última Premio Castelao de Teatro. No ano 1971 publica a novela Adiós María, gañadora do Premio de Galicia do Centro Galego de Bos Aires. No ano 1992 foi galardoada co Premio á Creación Feminina, instituído pola Xunta de Galicia. Autora tamén de obras de literatura infantil e tradutora, Xohana Torres obtivo o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña polo seu ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, e no ano 1972 recibiu o Pedrón de Ouro polo seu continuado labor en prol de Galicia.
Como recoñecemento á súa obra, o 15 de febreiro de 2001 foi proposta polos académicos Salvador García Bodaño, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande para ocupar a vacante na Real Academia Galega que correspondera ata daquela a don Aquilino Iglesia Alvariño, logo do cal ingresou como académica numeraria o 27 de outubro de 2001 cun discurso titulado “Eu tamén navegar”.
O premio Xohana Torres encádrase nas medidas que leva a cabo a Concellaría de Igualdade para a consecución dos seus obxectivos básicos, entre os que se atopan: potenciar a presenza e o recoñecemento social das mulleres en todos os ámbitos da sociedade; facer visible as súas diversas achegas ao longo da historia; promover a igualdade efectiva de mulleres e homes; e erradicar as diferentes formas de discriminación e desigualdade que viven a día de hoxe as mulleres.