Conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

20 de Febreiro de 2017
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

No ano 1975, a ONU celebrou por primeira vez o 8 de Marzo como Día Internacional das Mulleres. Esta data, que xa desde comezos do século XX fixaron no calendario internacional as reivindicacións dos movementos sufraxistas e sindicalistas de mulleres, adquiriu unha dimensión global desde o punto de vista institucional como espazo de converxencia das accións dirixidas a promover os dereitos das mulleres e a súa participación na vida política e económica.

Dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago considérase que eses esforzos por converxer nas actuacións encamiñadas á promoción da igualdade deben ir moito máis aló dun só día e ademáis incorporar unha perspectiva transversal e participativa. Neste marco, e coa finalidade de ir avanzando na construcción dunha Compostela máis igualitaria e amigable  para/coas mulleres, proponse o seguinte conxunto de actuacións conmemorativas do 8 de marzo que comezarán a finais de febreiro e se estenderán todo o mes marzal.

 

1. OBRADOIRO DE GRÁFICA FEMINISTA:

Desde os anos setenta os movementos feministas son un dos grupos sociais máis activos e expresivos, tamén en canto a gráfica, como así o amosan os carteis, revistas, imaxes en internet, etc. Utilizan todo tipo de ferramentas creativas para expresarse, na maioría dos casos, realizando un traballo colaborativo e outorgándolle unha gran importancia ao proceso de elaboración, tanto na creación de consignas como na producción.

Este obradoiro, impartido por Uqui Permui, realizarase os días 23 e 24 de febreiro na Concellaría de Igualdade (Rúa Isaac Díaz Pardo, 2-4), en horario  de 18:00h a 21:00h. Na primeira parte do mesmo, de carácter fundamentalmente teórico, analizaranse as gráficas feministas realizadas desde os anos setenta, e na segunda parte, cunha orientación xa claramente práctica, desenvolveranse determinadas técnicas como a collage ou a rotulación manual. No marco deste obradoiro, buscarase que os/as asistentes desenvolvan unha peza gráfica que axude a construír un imaxinario feminista. Ademais, se alguén o desexa, poderá propoñer tamén unha peza ou un proxecto para deseñalo conxuntamente no propio taller. 

A actividade é de balde previa inscrición en territoriodasmulleres@santiagodecompostela.gal ou a través deste formulario. Hai un total de 20 prazas.

 

2. AS FILLAS BRAVAS

O 26 de febreiro, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural da Enfesta, o grupo de teatro Chévere leva as súas Fillas bravas a esta parroquia compostelá. Un achegamento ao teatro dende a perspectiva de xénero que no mes de marzo estará tamén presente noutras parroquias de Compostela, concretamente o xoves 23 de marzo ás 20h no CSC de Laraño e o domingo 26 ás 19h no CSC de Bando.

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. As fillas bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados dende a segunda metade do século XIX.

 

3. LITERARIAS

A través desta iniciativa convidamos de novo ás librarías, editoriais e bibliotecas de Compostela a que se impliquen na promoción da igualdade de xénero.

Concretamente, propoñémoslles que destaquen nos seus escaparates, zonas visibles, tendas en liña, redes sociais e páxinas web, escolmas de libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista. Trátase de poñer en valor a escritura de autoras [a través da  poesía, a literatura, o teatro, o ensaio, a banda deseñada etc.] que fomente os dereitos das mulleres, visibilice a loita feminista e permita ollar máis aló dos estereotipos sexistas. Está previsto o seu desenvolvemento do 3 ao 15 de marzo.  A participación nesta actividade pode solicitarse enviando un email   a   territoriodasmulleres@santiagodecompostela.gal.

Ata o momento, xa se adheriron a esta acción as librarías de San Pablo, Pedeira, Ciranda, Tirana, Lila de Lilith, Numax, Couceiro, Cronopios, Ler, Follas Novas e Chan da Pólvora e as bibliotecas Ánxel Casal, Xeral da USC e Concepción Arenal e as editoriais Alvarellos, Positivas e Urco.

 

 


 

4. BRAVAS E DIVERSAS

O día 8 de marzo, ás 20.30 h no Teatro Principal,  teremos a oportunidade de asistir a un evento moi especial elaborado de forma específica por Chévere para reivindicar e reflexionar sobre a igualdade de xénero. Tratase  dun espectáculo teatral e musical conducido polas Fillas Bravas (Patrica de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar) e coa participación de Clara Gayo, Esther Carrodeguas, Renata Otero, Marta Alonso, Menina Arroutada&Glitch Girl e Leilía. O espectáculo terá un ton festivo, pero ao mesmo tempo reivindicativo, centrándose en aspectos relacionados co traballo das mulleres e outros temas como a corresponsabilidade, os coidados ou a conciliación laboral. Durante o proceso de elaboración da obra  e dos seus contidos, estanse realizando ademais unha serie de obradoiros con determinados colectivos da cidade, como Xiara, Asociación de traballadoras do fogar,  mulleres rurais e maiores ou a Escola Semente, para incorporar a súa perspectiva e visión sobre as temáticas abordadas. As entradas son de balde e poderán retirarse a partir do 4 de marzo, entre as 18.00 h e as 21.00 h no Teatro Principal.

Nova en santiagodecompostela.gal

 

5. TÉ CON KANT

Té con Kant  é un texto teatral e filosófico na nosa lingua, da compañía Inversa Teatro, que contén diferentes graos de comprensión; por elo consegue que a filosofía poida ser entendida polo alumnado sen dotala de superficialidade. Todo enfeitado cun humor intelixente que capta ao público desde o inicio. Para darlle máis forza a todo isto, nesta ocasión as filósofas son mulleres, polo que non só o galego é presentado como lingua de pensamento, senón que é unha lingua de pensamento contundente dita con voz de muller.  Debido ao contido e a temática abordada - dada a conexión directa que se establece cos contidos de materias docentes como a historia ou a filosofía dentro dos cursos de bacharelato- a peza é idónea para o público xuvenil (16 a 20 anos), e concretamente para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. A representación teatral, que ten unha duración aproximada de unha hora e media,  levarase a cabo o día 6 de Marzo, ás 11.30h no Paraninfo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Tendo en conta a capacidade da sala, dende a Concellaría de Igualdade ofertáronse 32 prazas para asistir a esta representación a todos os IES públicos do municipio, e ademais reserváronse tamén unha parte das entradas para o alumnado da USC. Actualmente, todas as prazas están cubertas.

Nova en santiagodecompostela.gal

 


 

6. PREMIO XOHANA TORRES DE ENSAIOS E CREACIÓNS AUDIOVISUAIS SOBRE A MEMORIA HISTÓRICA DAS MULLERES DE COMPOSTELA

O 8 de marzo, ás 11.30h no Pazo de Raxoi,  resolverase o I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual, convocado o pasado ano 2016. A resolución e entrega do premio realizarase no Pazo de Raxoi, ás 11.30h.  Trátase da recuperación dun premio, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteron nun símbolo da cidade. Asemade, ese mesmo día, abrirase o prazo de convocatoria do II Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual.

 

7. EXPOSICIÓN ELAS

Unha exposición de 38 obras de pintoras galegas que ilustran o libro “Elas” de Aurora Marco, no cal se realiza unha compilación de biografías que permite ter unha visión do papel determinante que tiveron na sociedade do seu tempo as mulleres galegas . Son oito as pintoras que participan nesta exposición, ofrecendo a súa visión da vida e da obra das mulleres galegas: Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiraldez, Mª Manuela, Mª Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro.   A exposición estará aberta ao público entre o 2 e o 30 de marzo no Centro Abanca Obra Social – Praza de Cervantes, 19-. Horario de visita: de luns a venres,  de 11.30h a 13.30h e de 17.00h a 21.00h, e os sábados, domingos e festivos de 17.00h a 21.00h .

A inauguración desta exposición terá lugar o xoves, día 2 de marzo, ás 20.30h. no Centro Abanca Obra Social, coa participación de:

  • Marta Lois, Concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo.
  • Dolores Álvarez, Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC.
  • Xosé Manuel Calviño, editor do libro Elas.
  • Aurora Marco, escritora e autora do libro Elas, impartirá unha conferencia titulada “Romperon barreiras e ocuparon espazos, ELAS “.
  • María Manuela,  unha das oito artistas que participan nesta exposición,  pechará o acto cunha actuación musical.

Nova en santiagodecompostela.gal

 

8. EXPOSICIÓN DE MARÍA MAQUIEIRA

Unha exposición organizada dende a Concellaría de Políticas Sociais  que leva por título αφορά , que en grego significa “Lembranzas”. A figura feminina e a súa mirada, son as protagonistas dos debuxos e acuarelas  que conforman esta exposición, na cal a autora retrata as sensacións vividas durante un proceso de recuperación tras a perda de visión dun ollo. Para máis información, o traballo de María Maquiera pode consultarse neste enlace.

A exposición poderá visitarse do 1 ao 26 de marzo, na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural). Horario de visita: de martes a venres, de 11.00h a 14.00h e de 16.00h  a  20.00h, e os sábados, de 12.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.00h. inauguración levarase a cabo o mesmo día 1 de marzo, ás 18.00h, na Fundación de Eugenio Granell, coa realización da mesa redonda “Mulleres con diversidade funcional e desigualdades de xénero”,  na cal participarán:

  • Concepción Fernández, Concelleira de Políticas Sociais, Saúde e Diversidade
  • Dolores Álvarez, Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC
  • Lourdes Díaz Sánchez, Presidenta da Asociación Tiresias Galicia discapacidade visual: B1+B2+B3
  • Ánxela López Leiceaga, Presidenta da Oficina de Vida Independente de Galicia
  • Mª Xosé Agra, Catedrática de lóxica na Facultade de Filosofía
  • O acto pecharase, cunha intervención final de Uxía Senlle.

Nova en santiagodecompostela.gal

 

9. TAMÉN É MACHISMO

Dende a Concellaría de Mocidade organízase esta campaña de sensibilización proposta no marco dos orzamentos participativos.

A través dunha serie de mensaxes e ilustracións, o obxectivo será sensibilizar á poboación moza sobre determinados comportamentos, actitudes ou comentarios cotiás que están normalizados e que discriminan e perpetúan as desigualdades das mulleres, é dicir, sobre os denominados micromachismos.

Esta exposición poderá visitarse entre o 6 o 12 de marzo no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e a partir do día 13 de marzo estará itinerante por todos os IES de Santiago.

 

10. SONS COR VIOLETA

Os soportais do Pazo de Raxoi acollerán o vindeiro 6 de marzo, ás 20.00h,  unha intervención artística a cargo de María Xosé Domínguez.

A través desta acción, quérese facer unha homenaxe ás vítimas do incendio ocorrido o 8 de marzo de 1911 na fábrica textil “Triangle Shirwaist” de Nova Iorque. Alí morreron 126 traballadoras, unha traxedia que provocou que hoxe se celebre o 8 de marzo como o Día Internacional das Mulleres. Será unha homenaxe a través da experiencia visual onde se fusionen imaxes dixitais, iluminación, son e fume.

Nova en santiagodecompostela.gal

 

11. INTERVENCIÓN  PRAZA DO 8 DE MARZO

Este ano, para conmemorar o Día Internacional das Mulleres, o colectivo de mulleres “As da Aghulla” engalanarán e encherán de cores a praza do 8 de Marzo.

Esta acción artística terá dous eixos principais. Por un lado, estanse elaborando mantas de ganchillo e/ou calceta que servirán para vestir de cores as árbores, bancos, farolas, etc da praza e, por outro lado, estase preparando unha exposición fotográfica de mulleres da cidade en situacións cotiás, que será instalada na mesma praza.  A montaxe realizarase o sábado, día 4 de marzo.

 

 


 

12. PARTIDO FUTBOL SALA FEMININO GALICIA-CATALUNYA

O 7 de marzo, ás 20.30h, no Pavillón de Santa Isabel, celebrarase un partido de fútbol sala feminino entre ás seleccións de Galicia e Cataluña. Trátase do primeiro partido da selección galega absoluta feminina de fútbol sala desde o ano 1998, e está organizado conxuntamente pola Federación Galega de Fútbol, o Santiago Futsal e o Concello de Santiago de Compostela.  As entradas custarán cinco euros para adultos e dous euros para as persoas menores de 18 anos, e poderán adquirirse  no Multiusos Fontes do Sar, nas oficinas do Santiago Futsal e na delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol, situada no estadio de San Lázaro.

 

13. HOMENAXE ÁS LAVANDEIRAS

En resposta a unha petición da Plataforma de Galeras, o 17 de marzo, ás 12.30h no parque de Galeras, inaugurarase unha placa-mural cunha foto e un texto en lembranza e homenaxe das lavandeiras de Compostela.

"Elas, as lavandeiras, sempre coa cesta da roupa na cabeza, donas do vento, da auga, do xabón, do clareo, do sol e da brancura, mais tamén vivindo na compaña do frío, da néboa, da humidade, da frieira e da reuma." Camiños da Auga, Lavadoiros, por Encarna Otero.