Compostela, Territorio das Mulleres recupera a súa actividade

4 de Maio de 2021

A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, deu conta en rolda de prensa da recuperación do proxecto pioneiro Compostela, Territorio das Mulleres que naceu no 2016 co obxectivo de dar cobertura e poñer en valor as políticas públicas feministas que viñan traballando pola incorporación da perspectiva de xénero na administración municipal e tamén na vida cotiá da veciñanza compostelá.

Despois do parón forzoso marcado pola pandemia, a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade recupera este 2021 a marca Compostela, territorio das mulleres con azos renovados, apoiada no programa Revive Santiago que conta con financiamento dos fondos europeos FEDER para a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi). Segundo sinalou Mercedes Rosón, "hoxe preséntase unha nova etapa do proxecto Territorio das Mulleres, que trasladará á cidadanía o compromiso do goberno municipal coa transversalidade das políticas de igualdade".

Rosón estivo acompañada polo novo equipo do proxecto Compostela, Territorio das Mulleres, formado por unha técnica de políticas de xénero, unha técnica de comunicación e unha coordinadora xeral da empresa Atlantic Ponte que comezaron xa a revisión do Mapa feminista da cidade, ao que se incorporarán, ademais do sector da hostalería, o do comercio e o da cultura, ata elaborar unha foto fixa do empresariado da cidade comprometido coa igualdade. As entidades e as persoas que queiran formar parte do programa poden amosar o seu interese a través da web, das redes sociais e do correo electrónico.

Ao facelo, comprométense a participar na análise da situación e a coñecer e implementar as boas prácticas para a incorporación da perspectiva de xénero no seu día a día. A cambio, poderán acceder a formación específica e incorporarán nos seus establecementos ou sitios web un distintivo que porá en valor a súa aposta pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e formarán parte parte do Mapa feminista da cidade. Un mapa que servirá para poñer en valor lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e para apoiar e promover aos axentes sociais e económicos comprometidos coa loita feminista.

Territorio das Mulleres [TM] é, tamén, o paraugas institucional baixo o que se desenvolverán durante os 14 meses de duración do proxecto campañas, programas, festas e obradoiros en espazos diversos, integrando o conxunto das propostas municipais que traballan ao longo de todo o ano e moi especialmente en datas sinaladas como o 8M, o 18 de Xuño ou o 25 de Novembro para transformar os roles de xénero e as estruturas patriarcais que reproducen as desigualdades de xénero, promovendo a transversalidade feminista na organización municipal.

Trátase dunha actuación incluída na EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado), polo que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.