Compostela en Negro no 7 Congreso Internacional de Tipografía de Valencia
Compostela en Negro, foi un dos proxectos incluídos na presentación da comunicación La letra feminista en la calle do estudio multidisciplinar de deseño e comunicación visual compostelán uqui.net.
Na comunicación explorouse como os movementos feministas empregaron dende os anos setenta, e seguen empregando para comunicar o seu discurso, distintas formas gráficas. A través de exemplos, procuráronse rasgos identitarios na caligrafía, o lettering e na tipografía empregada, analizando as preferencias gráficas dos colectivos feministas. Nese contexto, o exemplo da campaña institucional Compostela en Negro en novembro de 2015, representa un proxecto de deseño social contra a violencia machista que convida ao debate sobre o subersivo da gráfica feminista.
O 7 CIT, Congreso Internacional de Tipografía: Tipografía Pública, celebrouse en Valencia os pasados días 1,2 e 3 de xullo de 2016 co obxectivo de promover a investigación sobre a tipografía e servir de foro para a participación, a reflexión e o debate sobre o seu papel en cuestións relacionadas co concepto do «público».