Compostela Diversa 2021

23 de Xuño de 2021

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Políticas de Igualdade e de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentaron hoxe o programa Compostela Diversa, que ten como obxectivo facer de Compostela un referente para as persoas LGTBI, un colectivo que precisa de accións globais e inclusivas que o axuden a avanzar na consecución dos seus dereitos, a visibilidade e a normalización da vida cotiá.

"É moi importante", sinalou o alcalde, "que nos impliquemos todos". Uns cen establecementos, recordou, xa se inscribiron na campaña: 48 comercios, 34 bares e restaurantes, e 18 aloxamentos hoteleiros. Sánchez Bugallo, igual que Mercedes Rosón, agradeceu a implicación dos colectivos que participan en "Compostela Diversa", entre elas, Amizando, Avante, Asociación Nós Mesmas, e Arelas.

A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, recordou que o "día 28 de xuño reivindícase e celébrase cada ano o orgullo LGBTI+, lembrándonos a necesidade de defender con firmeza cada día o respecto á dignidade de todas as persoas e o recoñecemento da enorme riqueza humana expresada na diversidade sexual e de xénero". Por iso, engadiu, desde Políticas de Igualdade, traballouse conxunta e transversalmente con distintos departamentos do Concello, para ofrecer unha programación compacta, reivindicativa, informativa e de visibilización da importancia da diversidade na construción da nosa sociedade. "Queremos que Compostela se vista coas cores de Compostela Diversa para, deste xeito, mostrar que Santiago é unha cidade aberta, e que o noso tecido empresarial implícase co colectivo LGTBI con respecto, empatía amabilidade e pluralidade, porque Santiago é unha cidade ambable, acolledora e diversa". Entre as accións programadas polos departamentos de Políticas de Igualdade e Acción Cultural, están:

Mércores 23 de xuño
18.30-19.30 h. Casa Xohana Torres. Educar(se) na diversidade. Asociación Nós Mesmas. Emisión en streaming a través do Instagram da Casa Xohana Torres.

Sábado 26 de xuño
11.30-14.00 h. CGAC. Proxección do documental Persoas S.A. de Carmen PG Granxeiro e mesa redonda coa participación da directora, de Laura Bugalho, Daniela Ferrández, Enrique Latorre, Cristina Palacios e Brais Papiri. As persoas interesadas en asistir, poden inscribirse de xeito gratuíto a través deste formulario.
18.00-20.30 h. Parque de Bonaval. Programa lúdico, artístico e poético con Paraíso Canto, A Rabela e Aldaolado. Reserva de entradas aquí.

Domingo 27 de xuño
11.00-12.30 h. Teatro Principal. Presentación do estudo Historia e memoria da disidencia sexual en Galicia (1880-1980), de Daniela Ferrández.
20.00-21.30 h. Teatro Principal. Concerto de Fransy, Davide e Cibrán e presentación a cargo de As fillas Bravas.
Reserva de entradas, en Compostela Cultura ou nos despachos de billetes da Zona C, no seu horario habitual, e do Teatro Principal (1h antes do comezo de cada actividade).

Luns 28 de xuño
13.00 h. Palco da música da Alameda. Lectura do Manifesto.

O concelleiro Sindo Guinarte, pola súa banda, destacou que "Santiago é historicamente unha cidade de acollida para todos e todas, máis alá da procedencia, das crenzas relixiosas ou da orientación sexual; unha Cidade Patrimonio da Humanidade, é dicir, é un patrimonio colectivo que calquera persoa ten o dereito a desfrutar sendo tratada dun xeito tranquilo, seguro e amable". Por outra banda, engadiu, "queremos que Santiago continúe evolucionando como destino turístico, sendo cada vez máis amplo e diverso. Neste sentido, pensamos que Compostela Diversa é un programa excelente para dirixirnos aos turistas do colectivo LGTBI, destacando o carácter respectuoso e acolledor da nosa cidade."

As accións programadas a través dos departamentos de Comercio e de Turismo entre os días 24 de xuño e 11 de xullo son: campaña de dinamización e visibilización en comercios, aloxamentos, bares e restaurantes e iluminación e decoración de espazos públicos (Pazo de Raxoi, Teatro Principal e diversos puntos do parque da Alameda, como o Palco da Música (no que se lerá o manifesto), a escultura das Marías (iconas elas mesmas da diversidade), o fotoxénico "Eucalipto dos namorados", a entrada principal da Alameda por Porta Faxeira e a entrada no cruce do banco redondo coa Fonte de San Clemente). As persoas que o desexen, poden facer unha foto coa iluminación ou coa imaxe da campaña, e compartila nas súas redes co cancelo #composteladiversa, para participar no sorteo de tres lotes con produtos da campaña.

Compostela Diversa é unha iniciativa impulsada polo Concello de Santiago coa colaboración de Turismo de Santiago e de Comercio de Santiago, da Casa Xohana Torres e de Compostela Territorio das Mulleres. Estas últimas son actuacións da EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.