As escritoras Marta Pessarrodona e Kerstin Hensel conversarán este martes na Casa das Mulleres

14 de Setembro de 2018
por: TM

O vindeiro martes 18 de setembro ás 20:00 h na Casa das Mulleres haberá un encontro coas poetas Kerstin Hensel e Marta Pessarrodona baixo o lema "Literatura e lugar". Estarán acompañadas polo autor compostelán Suso de Toro no marco dos procesos que a Concellaría de Acción Cultural vén desenvolvendo arredor da palabra e do espazo na cidade, como o Mapa Literario de Compostela e o Xardín das Pedras que Falan.

As autoras conversarán en clave feminista nun lugar referente para as mulleres de Compostela como é a Casa Xohana Torres, aberta polo Concello o pasado ano como resposta ás reivindicacións históricas dos colectivos feministas da cidade e como lugar de referencia onde escoitar a voz das mulleres en Compostela.

Marta Pessarrodona (Cataluña, 1941) é unha escritora e crítica literaria cunha longa traxectoria en lingua catalana. Ademais, cultivou o ensaio e o xénero biográfico e ten traducido a autoras tan emblemáticas do feminismo literario como Doris Lessing, Virginia Woolf ou Susan Sontag. É autora de libros como Primers dies de 1968 (1968), Setembre 30 (prologado por Gabriel Ferrater, 1969), Vida privada (1972), Memòria (1979), A favor meu, nostre (1981), Tria de poemes (1994) o L'amor a Barcelona (1998). En 1997 recibiu a Cruz de San Jorge da Generalitat de Cataluña. En 2007 publicouse unha antoloxía da súa obra poética. Polas súas obras publicadas no 2010, o poemario Animals i plantas e os ensaios Francia: enero 1939. La cultura catalana exiliada y L´exili violeta, foi galardoada co Premio Nacional de Literatura de la Generalitat de Cataluña.

Kerstin Hensel (Chemnitz, 1961) Traballa como escritora desde 1987 e vive en Berlín. Filla dunha enfermeira e dun pai obreiro, nunca tivo na súa infancia contacto coa literatura e foi educada polos seus pais para ser unha cidadá máis da RDA. Estudou Enfermaría e traballou durante tres anos como enfermeira para logo iniciar os seus estudos de Literatura en Leipzig. Fixo dous anos de prácticas no Teatro de Leipzig. Desde 1987 impartiu clases para actores e publicou tres novelas, varios volumes de relatos e numerosos poemarios, o máis recente baixo o título de Comprender a estación, publicado en 2003. Ten escrito obras dramáticas, guións de cinema e radiofónicos e no seu currículo caben destacar numerosos premios literarios como o Anna Seghers da Academia de Arte de Berlín ou o Gerrit Engelke.

O “Xardín das pedras que falan”
É un proxecto no que unha serie de bacolitos ou penedos enchen o espazo con citas de escritores históricos de Galicia, xunto con  versos ou liñas inéditas de autores vivos de todo o mundo. A eles se lles pediu ou pedirá que se comprometan a non publicar esas verbas, polo menos, en vida, quedando por tanto as palabras intimamente ligada ó lugar. O obxectivo é que o xardín se converta nunha verdadeira homenaxe ó feito literario, unha referencia o que contén o edificio veciño, á gran institución do coñecemento, e á tradición literaria da cidade de Santiago de Compostela.