Artellando feminismo trae un novo programa cargado de eventos para reivindicar o Día Internacional da Muller

4 de Marzo de 2022

Coeducación, feminismo, benestar, poesía reivindicativa, monólogos, conferencias vivenciais, teatro, coloquios e moitas outros temas e accións conforman un completo programa encamiñado a reivindicar o 8 de marzo e concienciar sobre a importancia do feminismo como ferramenta para acadar a igualdade. A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, acompañada de Yara Prieto, responsable de proxectos de Artellando Feminismo, presentaron esta mañá en rolda de prensa o programa do 8M, no que se inclúe o evento Mulleres de Compostela co que o Concello prentede recoñecer a traxectoria profesional e vital de distintas mulleres da nosa cidade.

Durante a presentación da campaña con motivo do Día Intenacional da Muller, a concelleira Mercedes Rosón recordou que "as fendas de xénero persisten, e que a desigualdade e a violencia de xénero, e en especial a violencia machista que se incrementou durante a pandemia, están presentes en todas as esferas da nosa sociedade", polo que salientou a importancia de que "as voces das mulleres se unan para pedir igualdade real e efectiva neste 8 de marzo". Mercedes Rosón mencionou as cifras de delitos sexuais, "un dos indicadores que reflicten que continuamos nunha sociedade tremendamente machista". Así, segundo os datos difundidos polo Instituto da Muller, en 2020 en Galicia rexistráronse 532 delitos contra a liberdade sexual, dos que o 88,72% foron cometidos contra mulleres. Ademais recordou que se seguen sumando vítimas por violencia de xénero: "5 no que levamos de 2022; e 43 en 2021; unha delas, en Galicia; chamábase Mónica Marcos, e era veciña da Coruña". A concelleira tamén se referiu ao reto a igualdade salarial, xa que "en Galicia, as mulleres cobran un 11% menos que os homes", segundo os últimos datos, correspondentes a 2019, ofrecidos polo Instituto da Muller.

 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Luns, 7 de marzo, ás 19h
, no Auditorio de Galicia (Sala Mozart). Homenaxe ás mulleres a cargo dos grupos que forman parte da Corporación Municipal do Concello de Santiago de Compostela.

Martes, 8 de marzo, ás 11h, no Pazo de Raxoi. Fallo do xurado do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres organizado pola Concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela. Será seguido pola lectura do manifesto ás 11h30 na praza do Obradoiro.

Xoves, 10 de marzo, de 18h a 20h, roteiro guiado polas rúas de Santiago de Compostela para coñecer as mulleres que viviron e axudaron a crear esta cidade. Dende a Idade Media ata o século XIX, dende mulleres anónimas a raíñas, dende a súa representación na arte da cidade ata a vida diaria. Deste xeito proporcionaremos unha mirada feminina á historia de Compostela. AFORO COMPLETO.

Mércores 16 de marzo, ás 19h30, na Casa Xohana Torres. A escritora e xornalista María Xosé Porteiro presenta o seu novo libro #taméneu, acompañada pola académica e escritora Marilar Aleixandre e pola xornalista María Méndez.

Xoves 17 de marzo, ás 19h, no Teatro Principal. Rogelia dos Outeiros representa Soa, unha adaptación do coñecido monólogo La Donna Sola de Darío Fo e Franca Rame dirixida por Fran Rei. O espectáculo centra a atención na esperanza e ten como protagonista a unha muller maltratada física e psicoloxicamente, que pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre a acompaña. Así, evidenciarase unha cruel realidade que leva escondida demasiado tempo, nun contexto que mestura o medo, a desesperación, a tristura e a claustrofobia, pero tamén liberación sexual, autoestima, cine e música. Pese ás circunstancias, o humor está sempre presente e as situación cómicas, serven de catalizador para esta muller, que pouco a pouco conquistará á audiencia.
ENTRADAS DE BALDE: poderanse recoller a partir do 15 de marzo en Zona C. Punto de Información Cultural de martes a sábado de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. E o propio 17 de marzo no Teatro Principal de 18:00h a 19:00h.

Venres 18 de marzo, ás 19h, na Casa Xohana Torres. Obradoiro de baile tradicional para corpos diversos Bailaches? Bailei!, con Blanca Gilino. Taller participativo dedicado a abordar os estereotipos corporais que se atopan no baile tradicional e a maneira en que foron mudando ao longo da historia. Afondaremos, a través do baile, na diversidade dos corpos, no xeito en que estes interaccionan nas foliadas e como facer delas un espazo integrador e diverso.

Luns 21 de marzo ás 19h, na Casa Xohana Torres. Obradoiro Ciber-artivismo feminista Arte para a transformación social, con Anabel Lorente. A través do seu propio traballo como escritora e artista audiovisual, Lorente achegaranos a súa mirada cara o storytelling, as súas diversas formas e a utilidade desta arte. Tamén explicará as súas posibilidades como ferramenta de denuncia social e o seu impacto en redes sociais, así como no propio proceso creativo. Ao remate da conversa, poderemos conversar con ela para trasladarlle dúbidas, compartir ideas ou proxectos, creándose un espazo de proximidade e diálogo.

Mércores 23 de marzo, ás 19h, no Teatro Principal. Recital de poesía feminista, con Lúa Mosquera, poeta e autora dos libros RasRás e Aunque seas rara y seas pájaro, con música en directo a cargo de Pablo Seijas. A través da literatura e do seu poemario removerá as nosas consciencias, sentidos e sentimentos, mentres nos achega situacións cotiás a través de emocións convertidas en palabras. Con máis de 10 mil seguidores, utiliza as redes sociais para achegar as súas palabras ao público máis mozo. Cun estilo directo, fresco e cheo de forza, Lúa ofrece recitais acompañados de guitarra que supoñen unha experiencia novidosa na que o importante é a mensaxe, cargada de ideas reivindicativas que apostan por un ideal de muller baseado na liberdade e nos dereitos.

Xoves 24 de marzo, ás 18h, roteiro guiado polas rúas de Santiago de Compostela para coñecer as mulleres que viviron e axudaron a crear esta cidade. Dende a Idade Media ata o século XIX, dende mulleres anónimas a raíñas, dende a súa representación na arte da cidade ata a vida diaria. Deste xeito proporcionaremos unha mirada feminina á historia de Compostela. AFORO COMPLETO.

Venres 25 de marzo, ás 19h, na Casa Xohana Torres. Violencias machistas no ámbito asociativo... Claves para afrontalas, con Rebeca Raso. As asociacións, colectivos sociais, non son alleas ás violencias machistas. Nesta pílula porase o foco na identificación dalgunhas das súas expresións e nalgunhas ferramentas para poder afrontalas.

Do luns 28 ao mércores 30 de marzo, ás 19h30, roteiro percorrendo aspectos biográficos de mulleres que deixaron pegada na sociedade compostelá do século XX en diferentes ámbitos. Alén de salientar a importancia destas mulleres, quérese, a través do seu exemplo, pór en dúbida o que sabemos da nosa historia, cuestionando os seus límites e limitacións. Ao longo de oito paradas irán destacándose perfís de diferentes ámbitos, como a política, a ciencia ou as artes, sen esquecermos algunhas visitantes ilustres. Descubriremos momentos da vida de Elvira Santiso, Concha Castroviejo, María Tobío, Pura Lorenzana ou de Pilar Pereira, mais tamén de Ottilia Ulbricht ou Margot Sponer.
Inscrición antes do 27 de marzo a través de paseos.compostela@maos.gal ou do 694 474 166 (de 8h a 13h), indicando nome, teléfono de contacto e nº de prazas.

Mércores 30 de marzo, ás 19h, na Casa Xohana Torres. Faladoiro Razóns de peso, con Andrea Nunes, no que a autora e activista transfeminista compartirá as súas experiencias coa gordofobia, o que nos permitirá comprender a situación de discriminación á que son sometidas ás persoas pola súa diversidade corporal; e tomar conciencia de que este tipo de discriminación supón unha opresión máis na nosa sociedade.

Sábado 2 de abril, de 10h30 a 13h45, no Centro Sociocultural Fontiñas. Obradoiro de Coeducación na infancia, con Aixa Permuy, doutora en educación e investigadora de xénero. Tendo en conta as novas masculinidades e os factores que inflúen na aprendizaxe dos roles sexuais, foméntase así a participación nas actividades de nenos e nenas, de entre 4 e 11 anos, para a promoción da igualdade nesta etapa de desenvolvemento.

Martes 5 de abril, ás 19h, online, Coloquio de Elizabeth Duval, licenciada en filosofía pola Universidad de París 1 Panthéon-Sorbonne e Letras pola Universidade Sorbona Nova de París 3 que na actualidade reside en París. Unha das voces máis potentes da mocidade LGBTIQ+, busca ser a voz da súa xeración a través das súas conferencias e os seus escritos. Unha muller da xeración Z, que con 19 anos xa é un referente da poesía e do activismo, cun discurso consciente e de implicación feminista que comparte a través de ideas claras, palabras precisas e inquedanzas de marcada orientación filosófica pero que nacen dunha realidade persoal ben comprendida e integrada.

Mércores 20 de abril, ás 19h, no Teatro Principal. Conferencia Cambiar as Imaxes para cambiar o mundo, a cargo de Yolanda Domínguez, artista visual, escritora e activista, que falará sobre os estereotipos de xénero nas mensaxes audiovisuais e sobre como empregar a imaxe para lograr una sociedade máis igualitaria. Facendo un interesante percorrido pola historia das imaxes, desde a pintura ata os mass media, reflexionará sobre como nos inflúen as imaxes e ofrecerá alternativas para subverter o discurso dominante e consumir e crear imaxes desde unha liberdade positiva e conscientes da súa dimensión social. Tamén analizará a importancia e o papel que desempeñan as imaxes na construción da nosa identidade e do noso xénero, presentando a imaxe como un gran motor de cambio para o mundo e a arte como un lugar de intercambio social.

Sábado 23 de abril, ás 10h, no Centro Sociocultural Fontiñas. Obradoiros a cargo de Belén Ventín, Mita Beutel e Manuel Darriba, centrados no autocoidado, nos que poderás experimentar e coñecer técnicas para a mellora do teu benestar. Un taller de nutrición consciente. Un taller sobre a importancia da corporalidade como ferramenta de expresión. E un terceiro obradoiro sobre mindfulness enfocado en xestionar a ansiedade e o estrés. Unha xornada de coidados e un tempo de calidade que representan unha oportunidade para poñer o foco en ti e coñecer tres po­derosos recursos para estar por ti e contigo desde a atención plena e o mimo.

Martes 26 de abril, ás 19h30, no Teatro Principal. Monólogo Desapareza aquí, con Patricia Sornosa, recoñecida cómica, escritora, actriz e comunicado­ra feminista. Rostro habitual de Comedy Central, Late Motiv, Sin Censura e Stop Princesas, será quen de levarnos á reflexión a través da risa. Compartiranos a súa opinión sarcástica sobre aqueles asuntos escabrosos que máis lle importan, desde un estilo directo e moi persoal, poñendo o foco nas crenzas que aínda existen sobre o humor e as mulleres no século actual. O seu humor combativo non deixará indiferente a ninguén. Unha invitación á risa furiosa, á reflexión lóxica e á sorpresa cómica, na que Patricia colocará sobre o escenario os prexuízos e clixés existentes, empregando unha linguaxe clara e contundente.

Ao longo dos dous meses desenvolveranse o programa en centros educativos CompIgual, o reencontro nas parroquias e o audiovisual "Deporte en igualdade".