Abren dous Puntos Lila para protexer a mulleres e persoas LGTBI+ durante as Festas do Apóstolo

20 de Xullo de 2021

A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou esta mañá en Compostela os dous Puntos Lila que estarán funcionamento no Parque da Alameda e no Parque de Galeras, durante as Festas do Apóstolo. Participaron tamén na presentación os concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte, e de Festas, Gonzalo Muíños.

Nos Puntos Lila facilitarase información e materiais de sensibilización para a prevención das violencias machistas, facendo fincapé nas violencias sexuais, e ofrecerase atención e acompañamento ante posibles episodios de violencias machistas. Estarán abertos de luns a venres, dende o 21 ata o 31 de xullo, en horario de 12.00 a 13.30 e de 20.00 a 1.00 da noite.

A coordinación do funcionamento do Punto Lila corre a cargo do Centro de Información ás Mulleres de Compostela. Cada Punto Lila contará cun equipo formado por un mínimo de 3 persoas expertas en materia de xénero e violencias machistas, entre elas psicólogas especialistas en prevención e intervención en violencia de xénero. Así mesmo, disporase de material informativo e divulgativo sobre os recursos e servizos especializados, de sensibilización, etc. Ademais, contarase con materiais de agasallo e actividades de sensibilización dirixidas ás persoas que se achegan ata o Punto Lila.

Esta iniciativa ten varias finalidades. Por unha banda, ofrecer información dos recursos e servizos especializados cos que conta o Concello en materia de violencia de xénero e demais violencias machistas, pero tamén concienciar e proporcionar información sobre as distintas formas e manifestacións das violencias sexuais. Por outra banda, facilitar asesoramento sobre que facer en caso de sufrir ou presenciar algunha situación de violencia sexual ou calquera outra violencia machista durante as festas. E, por suposto, ofrecer atención e apoio ás persoas que poidan sufrir unha agresión machista durante a celebración dos eventos.

Ademais, o Concello de Santiago, contando co soporte de Turismo de Santiago, editou para a ocasión materiais divulgativos en 3 idiomas (galego, castelán e inglés) que estarán á disposición das persoas que se acheguen ata o Punto Lila. Estes materiais recollen información sobre as violencias sexuais, recomendacións básicas de como actuar ante unha agresión, así como información sobre teléfonos de atención, información e asesoramento.

Cómpre ter en conta que as violencias machistas danse en todos ou case todos os ámbitos da vida dunha forma continuada e normalizada, xerando fortes desigualdades, discriminacións e opresións cara as mulleres, mais tamén cara as persoas LGTBIQ+.

As violencias sexuais e a LGTBIfobia seguen a ser un grave problema social, acontecendo tamén en espazos de ocio, festa e celebración. Dende o Concello de Santiago quérese promover que estes espazos sexan lugares de diversión seguros e libres destas violencias machistas. Así, faise fundamental contar con iniciativas e espazos como o Punto Lila que sensibilicen ao tempo que ofrezan apoio, información, asesoramento ou atención a calquera persoa que poida sufrir unha agresión.