A USC e o Concello de Santiago convocan o VII Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson

7 de Xullo de 2021

A USC e o Concello de Santiago colaboran na convocatoria do VII Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson, co que pretenden promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria, sacando á luz o labor que desenvolven as mulleres na sociedade e que historicamente se veu invisibilizando e acudando a deconstruír os estereotipos de xénero, acerca dos traballos que son propios de mulleres e os que o son de homes, e motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional.

Calquera persoa que forme parte do alumnado ou antigo alumnado ou do persoal da USC pode enviar antes do día 10 de setembro ata tres fotografías, en formato dixital, cunha temática que -en liña con estes obxectivos- debe ter unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas (visibilización do traballo, mulleres e ciencia, rompendo estereotipos de xénero...) premiándose a creatividade, innovación e o impacto da imaxe.

O xurado seleccionará as doce fotografías de maior calidade técnico-artística, sempre que se axusten á temática establecida na convocatoria, coas que se elaborará un calendario. De entre estas, o xurado escollerá as tres mellores, que recibirán premios de 1000, 800 e 500 euros respectivamente. A gañadora do primeiro premio será utilizada pola
USC como cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres no ano 2022.

 

RUTH MATILDA ANDERSON (1893-1983)
Coa elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a este proxecto, por un lado lémbrase a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, e por outro, préstase atención á súa destacable obra, na que se inclúe o retrato que Ruth Matilda fixo da muller galega dos anos 20, a través da súa particular mirada. Ruth Matilda Anderson foi unha fotógrafa estadounidense, que realizou varias viaxes a Galicia das que deixou testemuño a través das súas imaxes. O seu traballo no noso país centrouse nas actividades cotiás dos anos 20, encargo que recibiu da empresa para a que traballaba, The Hispanic Society of America. A súa primeira formación recibiuna a través do seu pai, Theodore Anderson, que tiña un estudo especializado en vistas e retratos. Posteriormente asistiu á Clarence H. White School for Photography, diplomándose en 1919. Aínda que tamén se graduou como profesora, nunca exerceu esta profesión e o seu traballo estivo sempre vinculado á fotografía.