A Corporación aproba o Plan de Igualdade 2017-2020

21 de Setembro de 2017
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

O Pleno do Concello de Santiago vén de aprobar o IV Plan de Igualdade (2017-2020), cos votos favorables de CA, PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP. Entre os obxectivos deste Plan están o apoio a mulleres vítimas de violencia machista, o impulso da inserción laboral das mulleres en situación vulnerable e a mellora das súas condicións de traballo. O orzamento total é de 322.000 euros para un período de tres anos.

Este IV Plan de Igualdade 2017-2020, contempla liñas e áreas de actuación para a implementar políticas que empoderen e visibilicen as mulleres. Así, entre as metas deste programa figura dotar ao Concello de medidas para incorporar a perspectiva de xénero no desenvolvemento de políticas locais. Tamén dará apoio ás mulleres que sofren violencia machista, articulando medidas para a prevención e eliminación deste tipo de violencia.

Outra das medidas consideradas é o impulso á inserción laboral das mulleres, ademais da mellora das condicións laborais no posto de traballo. Favorecerase o benestar das mulleres dende unha perspectiva integral, mirando por aquelas que están nunha situación de vulnerabilidade.

Por último, o Plan fomentará a participación e acceso en igualdade aos ámbitos de participación local. Dentro disto, o Concello deberá ser a organización referente na aplicación dun modelo respectuoso coa igualdade no seu plano organizativo.