A Casa das Mulleres “Xohana Torres” abre as súas portas

10 de Novembro de 2017
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

O xoves 9 de novembro de 2017 abriu ás súas portas a Casa das Mulleres “Xohana Torres”, un espazo de empoderamento e transformación social no que posibilitar a expresión da veciñanza e dos colectivos feministas e de mulleres na construción dunha sociedade máis igualitaria.

O emotivo acto foi  conducido pola poeta e actriz Lara Rozados quen nun primeiro momento deu paso ao recital "Nós tamén navegar" coas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Luz Fandiño e Rosalía Fernández Rial. Logo, co micro aberto arrincou “a hora das activistas”, posibilitando a intervención dalgunhas das mulleres que asistiron a esta inauguración. Posteriormente, Aurora Marco, Encarna Otero e Lola Ferreiro impartiron unha charla titulada "A hora da memoria das mulleres" na que lembraron a todas aquelas mulleres fortes e valentes que nos precederon e que cómpre conmemorar. Tamén se proxectou o vídeo "As donas dos mapas", creado pola Illa Bufarda, onde se podían ver e escoitar a compañeiras de distintas idades compartir a alegría motivada polo feito de que Compostela conte cunha casa para todas as mulleres. Finalmente, foi a quenda do alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Marta Lois e a filla de Xohana Torres, Andrea Ellacuría, inaugurando oficialmente o espazo cunhas sentidas verbas. O acto, coordinado por Patricia Porto Paderne, da libraría Lila de Lilith, rematou cunha sesión de música a cargo da DJ Alba Cociña que amenizou o cóctel posterior, con pinchos da Flor.

A Casa das Mulleres leva o nome de Xohana Torres na honra e recoñecemento á traxectoria vital e profesional da autora quen, como salienta a declaración institucional do Concello de Santiago de Compostela con motivo do seu falecemento, foi "unha voz feminina e feminista que destacou no ámbito literario pero tamén na reconstrución da cultura galega e na defensa da nosa lingua". Ademais, a declaración institucional lembra que o Concello de Santiago instituíu en 1993 un premio co nome de Xohana Torres que se concedeu de xeito ininterrompido ata 2010, e que se recuperou en 2016 para seguir honrando e lembrando a escritora ao tempo que se contribúe á construción dunha cidade máis igualitaria, feminista e inclusiva.