A campaña “En negro contra as violencias” no Parlamento Europeo

13 de Novembro de 2017
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou o pasado 7 de novembro no Parlamento Europeo a campaña “Galicia en negro contra as violencias machistas”.

Unha delegación formada por medio cento de persoas de entidades locais e provinciais integradas na campaña estiveron en Bruxelas para presentala a nivel europeo no Parlamento. O acto consistiu nunha xuntanza ás 10 da mañá na que foron recibidos pola presidenta e o vicepresidente da Comisión de Igualdade, a lituana Vilija Blonkeviciute e o portugués Joao Pimenta, e na que Marta Lois se encargou de explicar esta iniciativa de sensibilización da sociedade posta en marcha en 2015 na capital galega ademais do Pacto social municipal galego contra as violencias machistas. Marta Lois tamén quixo agradecer o convite aos grupos políticos socialista e da Esquerda Unitaria Europea para estar no Parlamento Europeo presentando a campaña.

Ao remate da reunión, realizouse unha acción de visibilización na explanada Solidarnosc a cargo de Lara Buyo e Ana Corujo, do colectivo creativo Somoslag. Deste xeito, Galicia simbolizou na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contras as violencias machistas nun momento no que ademais esta institución denunciou publicamente as situacións de acoso sexual que sufriron algunhas das eurodeputadas nos últimos anos baixo o cancelo #MeToo.

Entre as persoas que viaxaron a Bruxelas para participar nesta posta en escena, houbo deputadas provinciais das deputacións de Lugo e de Pontevedra, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicas locais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Burela, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá. Estes concellos e outros moitos tinguiranse de negro a semana do 25 de novembro asinando previamente o día 15 en Compostela, un protocolo de colaboración entre todos os municipios participantes.

Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou ex parella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia e 780 no Estado español.