22 DE FEBREIRO, DIA INTERNACIONAL PARA A IGUALDADE SALARIAL
O 22 de febreiro, Día Europeo da Igualdade Retributiva entre Homes e Mulleres, temos que lembrar que a fenda salarial de xénero segue a ser unha terrible realidade en todo o mundo. Resulta preciso concienciar á sociedade da existencia dunha clara desigualdade nas retribucións que perciben mulleres e homes por desempeñar un mesmo traballo ou por traballo de igual valor, así como da necesidade de combater dita situación.
Pero acheguemos algúns datos:
- Segundo os datos da Eurostat, que analiza a fenda salarial en salario/hora, en España a diferenza salarial entre homes e mulleres é do 11,9%, o que significa que as mulleres españolas traballaron gratis 43 días no ano 2021.
- Os datos do INE (2019); último dato dispoñible, anual as mulleres galegas cobran 4.724 euros menos que os homes, e o seu salario medio en 2019 foi similar ao percibido polos homes nos anos 2007-2008.
- Se se compara co salario medio en España, o seu é un 8,6% inferior (19.818 euros fronte a 21.682).
- O Instituto Galego de Estatística tamén achega datos moi interesantes en relación á fenda por hora traballada situando a fenda salarial en Santiago no 11,2%
Ponse así de manifesto unha clara situación de desigualdade derivada de múltiples factores que van máis aló da diferenza salarial pola realización do mesmo traballo. Algunhas das principais razóns da existencia desta desigualdade tamén se interrelaciona con factores como a ocupación da muller en sectores precarios e/ou infravalorados (sectores feminizados), a existencia de segregación vertical e a correspondente falta de mulleres en postos de responsabilidade, a maior temporalidade dos contratos ou a elevada porcentaxe de contratos a tempo parcial, entre outros.
Esta situación ven desencadeada en moitos casos pola necesidade de conciliación para levar a cabo tarefas de coidado e atención. Segundo os datos extraídos do Ministerio de Igualdade, en 2019 o 90,93% das mulleres colleu excedencia por coidado de fillos fronte ao 9,07% dos homes. No caso do coidado familiar, o 81,26% das mulleres utilizou a excedencia fronte ao 18,74% dos homes. Esta situación viuse agravada durante a crise sanitaria provocada pola Covid 19 que puxo de manifesto unha situación xa existente, unha crise do sistema de coidados cun claro impacto de xénero.
O desenvolvemento destas tarefas invisibilizadas e non remuneradas, limita o desenvolvemento da vida laboral actual de moitas mulleres e inflúen de xeito decisivo na súa situación futura; específicamente no período de xubilación, provocando situacións que rozan en algúns casos o risco de pobreza e exclusión social.
É preciso por tanto buscar e loitar pola paridade salarial, por un traballo de igual valor entre mulleres e homes, só así estaremos no camiño axeitado para acadar a igualdade real.