Programa de apoio fronte á violencia de xénero
Programa de atención psicolóxica especializada para mulleres que viviron ou están vivindo situacións de violencia de xénero, para os seus fillos e/ou fillas e outras persoas que convivan con elas.
É un programa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que funciona baixo o abeiro dun convenio de colaboración asinado coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, que nace no ano 2004.
Está formado por unha rede composta por 103 psicólogos e psicólogas acreditadas e especializadas que dan cobertura en toda a Comunidade Autónoma.
O acceso é gratuíto, garantindo a rapidez na atención, a accesibilidade, a privacidade e a coordinación con todas e todos os axentes especializados.
Entre os obxectivos do programa están:
- Ofertar recursos terapéuticos que abran vías de recuperación ás mulleres vítimas de violencia de xénero, menores e outras persoas que convivan con elas.
- Facilitar o proceso de recuperación das persoas así como a integración da experiencia vivida e desde ese lugar poder tomar decisións de xeito mais libre.
- Facilitar o acceso inmediato a un recurso público especializado e contribuír a unha atención coordinada co resto de dispositivos e axentes sociais que están intervindo.
- Intervir nas situacións de asasinato por violencia de xénero nos casos en que se active a través do 112 o protocolo conxunto entre o Grupo de Intervención en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.
- Contribuír á sensibilización social e a xerar coñecemento en materia de igualdade, e das causas, consecuencias do exercicio da violencia.
Contémplanse dez sesións de asistencia psicolóxica individualizada para a muller e cinco para cada un dos fillos, fillas e persoas dependentas destas. Podéndose ver ampliado o número de sesións co consentimento da persoa coordinadora do Programa e a autorización da Secretaría Xeral de Igualdade. Garantindo unha atención psicolóxica entre as 24 e 48 horas dende o momento da demanda.