Diagnose Igualdade Compostela
A diagnose pretende ser o marco sobre o que asentar a actuación municipal no desenvolvemento das políticas de igualdade entre mulleres e homes. Por outra banda, constitúe a base de traballo que axudará na definición dunha ferramenta de planificación da acción municipal en materia de xénero.
No proceso de deseño da diagnose foi crucial a reflexión estratéxica e a dimensión participativa na identificación de problemas e necesidades das mulleres, formulándose os seguintes obxectivos:
- O acrecentamento das capacidades de análise das diferentes visións: desde as persoas responsables do deseño de políticas públicas municipais e desde as entidades sociais, como axentes dinamizadores e articuladores de dinámicas da poboación.
- Un incremento da implicación do persoal municipal, entidades e cidadanía.
- A activación dos saberes e capacidades da base social.
Neste contexto, e coa finalidade de recoller a máxima información, deseñouse un proceso aberto e participativo á sociedade e a diferentes axentes sociais. Buscouse a maior heteroxeneidade de informantes co obxecto de obter unha visión ampla da situación compostelá. Para levar a cabo este obxectivo tivéronse en conta metodoloxías de carácter cuantitativo e cualitativo. A partir da información obtida analizouse a dobre intención da diagnose. Dunha banda amosar a situación actual e, doutra, detectar as tendencias de cambio existentes co fin de poder orientar as futuras políticas públicas municipais en materia de igualdade. É relevante destacar que unha diagnose de igualdade é fundamentalmente unha ferramenta, un instrumento que serve para identificar necesidades e para deseñar actuacións dirixidas a superar as desigualdades persistentes entre mulleres e homes. Constituíndo un plano no que recoñecer ámbitos de mellora e itinerarios de intervención en diferentes ámbitos. En último lugar, e entendendoo como un proceso no que contamos cunha ampla colaboración, agradecemos a implicación dos diversos axentes que directa ou indirectamente participaron facilitando información, nas entrevistas, nas mesas de traballo ou no encontro de mulleres. Os ámbitos de estudo están relacionados coa demografía, o emprego, o benestar, a participación social, a violencia de xénero, a conciliación e a corresponsabilidade, o lecer e o tempo libre así como coa presenza das mulleres na administración local.