Compostela en negro
O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.
A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. No que vai de ano, 5 mulleres foron asasinadas en Galicia e 35 no resto de España. Ademais, no último ano, 3 de cada 10 mulleres, maiores de 16 anos, declaran ter sido vítimas de violencia física ou sexual. Desde o Concello de Santiago de Compostela consideramos que esta dramática realidade require dunha resposta unánime e firme de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Por isto mesmo, e co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía compostelá ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, dende a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo impulsamos "25N. Compostela en negro". Unha campaña, a través da cal propoñemos que, durante a semana do 19 ao 25 de novembro, os estabelecementos comerciais de Compostela se vistan de loito (persoal, escaparates, manequíns, mobiliario, etc) en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte.
O resultado
Compostela en negro foi unha campaña de deseño social co fin de aumentar a concienciación sobre o problema da violencia de xénero. Convidamos a participar ao tecido comercial e a resposta foi case unánime, máis de 300 establecementos de Compostela mantivéronse durante unha semana, do 19 ao 25 de novembro, cos escaparates cubertos de negro. Como ferramentas de apoio, distribuíronse carteis con diferentes consignas como "espazo libre de violencia de xénero", "respecta as miñas decisións" ou "sempre libre sempre viva" e camisetas do branding. Participaron establecementos comerciais de todo tipo, desde pequenas tendas a grandes centros comerciais uníronse ao lema Compostela en negro. A acción tivo un gran impacto, tanto nas televisións locais como de toda España e nas redes sociais.
Dirección creativa: Uqui Permui
Coordinadora técnica: Lucia Canoura
Para levar adiante a acción contamos entre outras, coa colaboración especial de:
- Cineuropa
- Centro Comercial Área Central
- Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche
- Miguel Sánchez Fernández
- Santiago Futsal
- Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, e as persoas voluntarias: Clara González, Daniel Nieto, Laura Vázquez, Nuria Losada, Beatriz Piñeiro, Lara Adán, Javier Ramos, Iria Seoane, Sonia Arosa e María Astray.