Arquitectas e (des)igualdade no panorama da arquitectura contemporánea en Santiago de Compostela

11 de Xaneiro de 2017
por: María Novas

O acceso das mulleres arquitectas a profesión foi evolucionando paseniño ao longo do século XX; dende o primeiro terzo coa titulación das primeiras arquitectas e a súa presencia xeneralizada nas escolas a partir dos anos ’70 ata a paridade aproximada entre alumnas e alumnos que existe na actualidade. Sen embargo, non atopamos cifras equitativas nos colexios profesionais, onde aproximadamente tan só un terzo das persoas adscritas son mulleres. Aínda así, estas cifras distan de corresponderse coas porcentaxes tan agravadas que se evidencian neste estudio (86.2% - 19.2% - 0%) e que veñen a evidenciar, pese os avances nalgúns ámbitos, as grandes desigualdades existentes en función do xénero que sofren as persoas que exercen á arquitectura hoxe en día.

Os datos amosan unha ampla desigualdade no referente á presencia, recoñecemento e visibilidade das arquitectas que teñen traballado no panorama da arquitectura contemporánea da cidade de Santiago de Compostela nos últimos 60 anos, aínda a pesar das 14 obras de arquitectura sumadas nos últimos 15 con ao menos coautoría feminina, que aínda así veñen a representar tan só unha quinta parte do total: 19.8% ou 17 obras de ao menos coautoría feminina fronte ás 80.2% ou 69 obras de autoría exclusivamente masculina.

Como dato digno de especial acentuación, insistir no feito de que a día de hoxe aínda non existe absolutamente ningunha obra (0%) recoñecida feita por unha muller ou colectivo de mulleres arquitectas mentres que si é multitude, de xeito abafante, o 80.2% de arquitectura recoñecida feita exclusivamente por homes arquitectos na cidade.

Destacar ademais como esta perda ou exclusión (a non presencia ou recoñecemento do outro 50% do capital humano no ámbito da arquitectura), ten serias consecuencias na calidade da arquitectura contemporánea, do mesmo xeito que non contribúe ao fomento dunha sociedade xusta e equitativa.

Neste sentido, esta análise da situación real na que nos atopamos, tamén na cidade de Santiago de Compostela, resulta clave no obxectivo de construír da arquitectura e dos espazos das nosas cidades un futuro, definitivamente, en ámbito de igualdade.

[Arquivo completo en descargas]