“Vacina” contra as violencias machistas a poucos días do 25N
A Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago pon en marcha a campaña Compostela en negro, de cara ao 25N, para sensibilizar e denunciar a problemática das violencias machistas, que este ano se centra no colectivo empresarial e no estudantado.
Compostela en negro volve con forza a poucos días do 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero. Este ano unha das accións centrais da campaña quere chegar ao colectivo empresarial para implicalo no rexeitamento das violencias machistas. Así foi presentada na sede da Asociación Área Empresarial Polígono do Tambre pola concelleira de Igualdade, Noa Díaz, xunto ao presidente da Asociación, José Fernández Alborés. Colaboran na campaña Gadis, Finsa e Castrosua.
Dúas mil “vacinas” contra as violencias machistas serán repartidas a partir de hoxe no polígono co seu respectivo prospecto: "A violencia machista é contaxiosa. Vacínate. Composición: Respecto 800 mg, Coidado 600 mg, Empatía 450 mg. Consentir e animar bromas e comentarios sexistas tamén é machismo", e un estoxo que contén a camiseta negra da campaña, unha pulseira negra que acredita que a vacina foi posta correctamente e un adhesivo para o coche co logotipo de Compostela en negro. O primeiro reparto do estoxo farase hoxe mesmo no restaurante Garulesa do Tambre, onde se volverá repartir entre as persoas que vaian xantar alí no mediodía do 25N. As empresas que queiran solicitalo para os seus traballadores e traballadoras poden contactar coa Asociación Área Empresarial do Tambre.
Outro dos lemas fundamentais da campaña será Contra as violencias machistas, educación, desde o convencemento de que educación e prevención son medidas esenciais para frear as violencias exercidas contra as mulleres. Desde a Concellaría de Igualdade convidouse aos centros escolares a sumarse á campaña colocando a lona negra na fachada dos seus edificios e vestindo de negro (e se chove, con paraugas negros) o 25N, de 11 a 12 h, na praza do Obradoiro, durante a concentración e lectura do manifesto. No mesmo acto diversos centros escolares composteláns representarán proxectos realizados para a ocasión dentro dun certame convocado desde a Concellaría de Igualdade.
Durante estes días convídase e anímase a todo o tecido comercial da cidade, a entidades, a asociacións e á cidadanía en xeral a “vestir” de negro -especialmente entre o 21 e o 25 de novembro- escaparates, ventás e, en xeral, espazos visibles reutilizando os materiais doutros anos e empregando a imaxinación. O obxectivo é tinguir todo de negro amosando a dor polas mulleres asasinadas por mor da violencia machista e tamén o rexeitamento a todo tipo de violencias exercidas contra as mulleres.
No caso de non contar con material doutros anos, o CIM (Centro de Información ás Mulleres, edificio de Servizos Sociais en Galeras) repartirao a partir de hoxe, en horario de 9 a 14h e de 15.30 a 19h, ata o venres 22.
Vídeos de Rural en igualdade e máis actos reivindicativos
Continuando cos actos do 25N, o xoves 21 ás 20h o centro sociocultural de Enfesta acollerá a presentación pública das pezas audiovisuais resultado dos obradoiros de risoterapia e apoderamento dirixidos ás mulleres do rural. Estes talleres, que chegaron a once parroquias compostelás (Villestro, Bornais, Laraño, Marantes, Busto, Grixoa, Enfesta, Lamascal, Lavacolla, Aríns e Carballal), forman parte das accións de saúde e benestar do programa anual Rural en Igualdade.
Ao día seguinte, venres 22, o alcalde e a concelleira de Igualdade asistirán no Concello de Lugo á sinatura do convenio entre os concellos que forman parte da campaña xenérica En negro contra as violencias, dirixida a toda Galicia. Os concellos adheridos adquiren o compromiso político e técnico para espallar a acción e mobilizar a poboación e os axentes sociais e económicos para tinguir de negro as vilas e cidades galegas. Ademais dos concellos, forman parte da campaña as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Xa pola noite, ás 20:00, poderemos gozar da peza de danza Ophelia, na Igrexa da USC.
Por último, o martes 26 a partir das 17h no centro sociocultural das Fontiñas o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, abrirá o maratón de lectura de textos pola igualdade e en contra da violencia de xénero. No acto participarán outros concelleiros, nenos e nenas das aulas de xogos, persoas socias dos clubs de lectura da Rede de bibliotecas do Concello e do ámbito da cultura de Santiago e, por suposto, todas as persoas que a título persoal queiran sumarse. No mesmo CSC das Fontiñas estará rematado o mural colaborativo “Pinta a túa man para dicir non á violencia de xénero”, que se elaborará nas tardes do mércores 20 ao martes 26 de 17 a 19h xunto ao “Photocall dixital En negro contra as violencias”.
Na mesma tarde do 26 haberá un contacontos co espectáculo “As cores” que traballará a educación en igualdade. Está dirixido a crianzas de 3 a 9 anos, a partir das 18:30, na Aula de xogos do centro sociocultural de Santa Marta.