Un percorrido feminista polas actividades da Maré 2021

23 de Setembro de 2021

maré 21, outrora Cantos na maré, que vai xa pola súa XVII edición, volve este 2021 á cidade de Compostela, onde se asenta. Desde o xoves 23 e até o domingo 26, desenvolveranse máis de 30 propostas musicais e artísticas procedentes de máis dunha decena de países das dúas beiras do Atlántico, incluídas dúas estreas mundiais e oito en Galiza. Seleccionamos para ti dúas propostas cunha poderosa carga feminista.

A multi instrumentista, intérprete, compositora, arranxadora, produtora musical e activista brasileira Bia Ferreira conversará sobre feminismo e sobre súa loita contra a violencia de xénero acompañada de Jessica Azevedo, activista, profe, xeadeira e un pedaciño de Resistencia en terra allea e Monse Vilar Figueirido, libreira feminista da Lila de Lilith, experta en xénero. A conversa será na Libraría Lila de Lilith o xoves 23 ás 17:30 h e a entrada é libre até completar capacidade.

Bia Ferreira actúa tamén o venres 24 ás 22.30h en Bonaval, no Escenario 360º. Ela concibe a súa arte como MMP: “Música de Mulher Preta”. Comezou a comunicarse artisticamente para educar, concienciar e informar as persoas sobre as demandas da loita antirracista en Brasil, así como temas relacionados co movemento LGTB e o amor afrocéntrico. As súas cancións son de lectura obrigada para o acceso á educación secundaria e superior. As entradas para este concerto están esgotadas.

No mesmo escenario, o venres 24 ás 20.30h actuarán Jéssica Caitano e Luana Flores, actistas e participantes en distintas iniciativas culturais e sociais no Brasil. Nada en Triunfo, no interior de Pernambuco, Jéssica é unha artista polifacética. Cantante, compositora, rapeira, percusionista, poeta-declamadora, educadora de arte e activista LGTB+, está implicada en numerosas iniciativas culturais e sociais no seu país. En 2019 produciu xunto a Guirraiz o EP Reboco. Caitano estará acompañada da beatmaker, dj, percusionista, intérprete e compositora, tamén referente na escena musical brasileira por desenvolver un traballo innovador que abrangue temáticas como xénero, sexualidade ou territorio. Cofundadora do grupo feminista paraibano Coco das Manas, Luana pon o foco na fusión entre o electrónico e os ritmos da cultura popular do norte do Brasil, como ferramenta social para o empoderamento feminino. En outubro de 2020 lanzou xunto a Jéssica Caitano o videoclip Reza.

 

Ademais deste percorrido feminista, podedes revisar o interesante programa de maré21 nao completo na súa web.