Subvencións de Igualdade para asociacións

15 de Setembro de 2016
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

A convocatoria, publicada o 31 de agosto no Boletín Oficial da Provincia, ten como obxectivo contribuír ao financiamento de actividades en prol da igualdade, o empoderamento das mulleres e a prevención e loita contra a violencia de xénero. Así, poden ser subvencionadas actividades como obradoiros de igualdade, fomento da corresponsabilidade, accións relacionadas coa saúde das mulleres, campañas a prol do xoguete non sexista, ou actividades que fomenten a participación social das mulleres. Tamén son obxecto desta convocatoria accións de formación e información sobre a violencia de xénero, incluídas as que se realicen ao abeiro de efemérides como o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Marta Lois salientou que, por vez primeira, todas as asociacións de Santiago de Compostela que desenvolvan as súas actividades no termo municipal poden optar a estas axudas, que ata agora se limitaban ás asociación de mulleres, e cuxa partida orzamentaria ascende a 20.000 euros. Cada asociación poderá optar a un máximo de 2.500 euros, e poderá ser subvencionado o 100% da actividade. A axuda poderase solicitar para accións levadas a cabo dende o 1 de xaneiro de 2016 ata finais de novembro, e o prazo para solicitala irá do 1 ao 15 de setembro.