"Se mercas sexo non vales nada": chamamento á cidadanía no Día europeo contra a trata

18 de Outubro de 2019
por: TM

O Concello de Santiago súmase ao Día Europeo contra a trata cunha carpa informativa para concienciar e sensibilizar á cidadanía contra esta lacra. Combatir a trata de seres humanos é unha prioridade para o goberno local e nomeadamente a forma máis habitual da trata, a explotación sexual, que afecta sobre todo a nenas e a mulleres.
Un dos lemas da campaña é "Se mercas sexo non vales nada" e quere ser un chamamento á cidadanía para que se conciencie desta forma de escravitude que atenta contra os dereitos máis básicos das persoas. Explotación sexual significa explotación da liberdade, explotación da dignidade, explotación dos corpos das outras, explotación da integridade física, da seguridade… e aféctanos de preto, aínda que non o vexamos, por ser unha problemática que estivo e está moi invisibilizada, segundo explicaron en rolda de prensa a concelleira de Políticas de Igualdade, Noa Díaz, xunto á responsable do servizo de Igualdade, Teresa Furelos.

Segundo a Oficina contra a droga e o crime de Nacións Unidas, a trata afecta a máis de 24.000.000 de persoas en todo o mundo. É xunto co tráfico de drogas e de armas, o terceiro negocio máis lucrativo do planeta.

Carpa informativa e CIM
A carpa informativa que permanecerá na Praza do Toural durante toda a xornada do venres 18 de outubro convidará ás persoas que pasen a prender unha etiqueta na roupa, simulando ser a etiqueta dun produto que pode ser vendido por uns, e adquiridos por outros. Con diversas mensaxes, as etiquetas denuncian e explican o que é a trata de persoas. Tamén haberá material informativo sobre esta problemática e máis sobre o Centro de Información á Muller de Santiago de Compostela, onde se atende a familias, mulleres e nenos. O pasado ano 2018 a través dun convenio do Concello con Cáritas-Vagalume, atendéronse 51 mulleres vítimas de explotación sexual, a maioría entre 25 e 30 anos. 35 delas foron encamiñada ao abandono da explotación sexual.