Recicla o Xénero
Nova edición do proxecto Recicla o Xénero, para a sensibilización en igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero no ámbito educativo que se desenvolverá ao longo do curso escolar 2016-2017.
Recicla o Xénero ponse en marcha no curso escolar 2015 como proxecto piloto que permitise detectar necesidades e demandas dos institutos da cidade e analizar a resposta do alumnado ante un programa de sensibilización en materia de igualdade. O proxecto desenvolveuse no marco da campaña de sensibilización entorno ao 25 de Novembro, día internacional contra a violencia de xénero, cunha duración de dous meses e con resultados moi positivos en toda a comunidade educativa. Nesta nova edición do programa destaca o seu carácter plurianual, pasando a abarcar todo o curso escolar.
O obxectivo último do proxecto é abordar a loita contra a violencia de xénero e o fomento da igualdade de oportunidades entre a xente nova no ámbito educativo, de forma transversal e integrando as accións no programa curricular, así como o emprego da sensibilización como ferramenta principal para impulsar un cambio real no comportamento e actitudes da poboación adolescente; promovendo a deconstrucción dos estereotipos de xénero que permita desenvolver libremente a identidade humana e persoal.
Con este gallo, impartiranse obradoiros en aula entre os meses de outubro e novembro de 2016 e, posteriormente, entre abril e maio de 2017. Intégrase ademais esta sensibilización no marco do programa curricular dos IES, motivo polo que se imparten os obradoiros especialmente en horarios de titorías, coa interlocución e planificación ao inicio do trimestre. Os obradoiros desenvolveranse en tres institutos: Pontepedriña, Xelmírez II e Fontiñas. Tamén se levarán a cabo dúas sesións dunha actividade parateatral a cargo de Chévere e Promove.
I Concurso Recicla o xénero
En colaboración co IES de Sar farase tamén o I Concurso Recicla o xénero: (des)igualdade ilustrada, no que o alumnado de bacharelato elaborará ilustracións con técnica libre sobre calquera temática relacionada co xénero, que favoreza a súa creatividade e que lles permita facer visible a desigualdade estrutural entre homes e mulleres.
O inicio de Recicla o Xénero está prevista para o vindeiro 17 de outubro de 2015, data na que comezan a impartirse os obradoiros. Podes ampliar información na nova publicada na páxina do Concello de Santiago.