Programa de actividades de conmemoración do 8 de marzo Día Internacional das Mulleres

28 de Febreiro de 2018
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

Consulta o programa completo de actividades de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres e participa. Unha amplia oferta de actividades, como concertos, debates feministas na Casa das Mulleres Xohana Torres, exposicións fotográficas ou obradoiros de empoderamento dirixidos a mulleres, espectáculos de danza, entre outras.

 

Concerto Rock&elas

1 de marzo, 21.30 h, Sala Capitol

Concerto de rock organizado pola Concellaría de Mocidade no que se contará con dous grupos galegos formados integramente por mulleres: Bala e Agoraphobia.

Bala 

Formado por dúas mulleres (V e Anx) que teñen xa ás súas costas dous traballos, un primeiro disco esgotado e reeditado, “Human Flesh”, e un segundo que acaban de presentar e que leva por título “Lume”. O seu estilo musical achéganos ritmos de grunge, punk e rock.

Agoraphobia 

Quinteto orixinario de Boiro, nacido en 2013 e formado por cinco mulleres: Susana, Aislinn, Sabela, Paula e Lucía. Teñen dous discos autoeditados “Dirty Little Things” e “Ready to Play” e, igual que Bala, apostan polo punk rock e o rock alternativo.

 

Exposición fotográfica Espellos de pedra de Gabriel Tizón 

5 - 31 de marzo

A través dos retratos e imaxes seleccionadas nesta mostra fotográfica, Gabriel Tizón busca dar conta do cotián como algo excepcional. Un traballo  froito do encontro con dezaoito mulleres -avoas, nais, fillas, traballadoras...- nun contexto natural, que se quere compartir co público en xeral. Un formato e unha localización que buscan chegar a  milleiros de persoas -tanto veciños e veciñas de Compostela, como visitantes- e amosar estas mulleres “ocultas”, "anónimas", que son parte fundamental da nosa sociedade.

Quince fotografías expostas nas seguintes localizacións da cidade de Santiago de Compostela, que suman un total de 210,9 metros cadrados:

  • Mercado de Abastos, rúa da Virxe da Cerca
  • Oficina do Mercado de Abastos
  • Museo do Pobo Galego
  • Libraría Couceiro, praza de Cervantes
  • Balconada, Casa do Cabido, praza das Praterías
  • Praza da Quintana
  • Ruela de Entrerrúas (Casa dos Irlandeses)
  • Catedral de Santiago, praza do Obradoiro
  • Na casa de apeiros, entre o Museo do Pobo Galego e o Centro de Arte Contemporánea (CGAC)
  • Parque de Bonaval (muro de pedra)

 

Intervención urbana na praza de Mazarelos

1 - 31 de marzo

Instalación na praza dunha estrutura temporal coa imaxe de Concepción Arenal.

 

Entrega do Premio Xohana Torres 2017 e convocatoria do III Premio Xohana Torres  de ensaio e creación audiovisual

7 de marzo, 12.30 h, Pazo de Raxoi

Celebraremos o acto de entrega do II Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual que foi recuperado en 2016, logo da súa interrupción en 2012 e tras case 20 anos de vixencia que o converteron nun símbolo da cidade.

Ademais, o 8 de marzo, convocarase o III Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Nesta nova edición ampliarase a finalidade da convocatoria ao se poderen presentar ensaios literarios ou científicos e traballos audiovisuais que busquen recuperar a memoria histórica das mulleres galegas, e non só compostelás como nas edicións anteriores.

 

Emisión en directo desde a Casa das Mulleres Xohana Torres do programa da Radio Galega Diario Cultural presentado por Ana Romaní

9 de marzo

O Diario Cultural, o programa de información cultural diaria da radiodifusión galega, dirixido por Ana Romaní desde 1990, será emitido en directo dende a Casa das Mulleres Xohana Torres. O programa estará dedicado ao Día Internacional das Mulleres así como á escritora compostelá Xohana Torres.

 

Os camiños do lecer

aprazado do 11 de marzo ao 8 de abril por previsión de temporal

Visitaremos algún dos lugares de lecer máis emblemáticos da cidade e, ao redor deles, achegrémonos á historia das mulleres, aos costumes e ás relación sociais da época. O paseo sairá da escultura das irmás Fandiño Ricart ás 10.30h.

 

Debates feministas na Casa das Mulleres Xohana Torres

Marzo - abril

Un ciclo de debates nos que participarán mulleres imprescindibles que dende diferentes perspectivas e ámbitos abordarán cuestións fundamentais relacionadas coas desigualdades de xénero, reivindicacións e mobilizacións feministas do pasado e do presente e achegas literarias claves para o feminismo e a cultura galega.

  • As mulleres no eido cultural (2 de marzo, 19.30 h)
  • Xustiza, xéneros e coidados ( 9 de marzo, 19.30 h)
  • Presentación do libro de Xohana Torres Elixías a Lola  (16 de marzo, 19.30 h)
  • Medios de comunicación e xénero (23 de marzo, 19.30 h)
  • Historia do movemento feminista galego  (6 de abril, 19.30 h)
  • Presentación do libro La prostitución en el corazón del capitalismo (13 de abril, 19.30 h)
  • Saúde e desigualdades de xénero  (20 de abril, 19.30 h)
  • Ciberfeminismos (27 de abril, 19.30 h)

 

Programa para mellorar o benestar individual e colectivo das mulleres

Marzo - maio

Un programa de obradoiros aberto a calquera muller, que persegue os seguintes obxectivos xerais:

  • Traballar o empoderamento e a participación das mulleres
  • Facer visible o traballo das mulleres e os seus logros
  • Facilitar canles de apoio e proporcionar orientación básica que reforce a autoestima
  • Capacitar e reforzar as habilidades das mulleres
  • Fomentar e apoiar a creación de redes formais ou informais de mulleres
  • Facilitar encontros e intercambios de experiencias

Realizaranse nos seguintes seis centros socioculturais:

  • Centro Sociocultural de Santa Cristina:  21 de marzo - 18 de abril (mércores, 17.30 a 19.00 h)
  • Centro Sociocultural de Busto: 23 de marzo - 20 de abril (venres, 16.30 a 18.00 h)
  • Centro Sociocultural de Arins: 24 de marzo - 21 de abril (sábados, 17.00 a 18.30 h)
  • Centro Sociocultural de Laraño: 25 de abril - 16 de maio (mércores, 18.00 a 19.30 h)
  • Centro Sociocultural de Lavacolla: 27 de abril -18 de maio (venres, 18.00 a 19.30 h)
  • Centro Sociocultural de Grixoa: 28 de abril -19 de maio (sábados, 17.00 a 18.30 h)

Realizaranse catro sesións por centro. Mais información nos propios centros socioculturais ou na web tm@santiagodecompostela.gal

 

Máis que musas

3 de marzo

Evento de arte multidisciplinar de novas creadoras galegas. A elección do nome responde á necesidade de salientar o feito de que as mulleres constitúen un suxeito esencial na creación artística.

  • Exposición  de artistas (Casa do Matadoiro, 12.30 h): Abi Castillo, Carmel Latifi, Claudia Suarez,  Lia Rodríguez, Lidia Cao, Madpanda, Maru Astral, Noaltodopoleiro, Seki,  Sierrapitos, Somos Lag, Violeta.jpg
  • Sesión vermú (Casa do Matadoiro, 13.30 h): Kúzlo Duše
  • Poesía (Pub Momo, 18.00 h): Colectivo Lag, Constance Hurle (85C), Dúas gamberras e un micro
  • Música (Pub Momo, 20.00 h): Doi Dice, Iria Vilas, Laura García Villar, Laura Vizoso, Mar e Aldara, Pirocactu

Organizado polo alumnado do ciclo superior do Raio Verde.

 

Muller e bicicleta: MDNNA, faite vella con nós!  

Obradoiros e espectáculo de danza

5, 6 e 11 de marzo

Proxecto de arte do corpo, comunidade e feminismo: unha experiencia de danza e posta en escena para mulleres. Ao longo de tres obradoiros, a coreógrafa Begoña Cuquejo traballará  cun grupo de mulleres interesadas en achegarse ao corpo e ao pensamento crítico sobre as normativas do corpo feminino e de xénero.  Parte da coreografía de Vogue da artista Madonna, para levala ao movemento propio, ás voces e ao traballo de cada unha das participantes. O resultado é o espectáculo Mdnna, faite vella con nós! un traballo escénico duns 20 minutos, que será presentado ao público o 11 de marzo ás 19.00 h na praza do 8 de Marzo.

Os obradoiros para preparar a peza levaranse a cabo na Casa do Matadoiro:

  • luns 5 de marzo, 16.00 a 20.30 h
  • martes 6 de marzo, 16.00 a 18.30 h
  • domingo 11 de marzo, 17.00 a 18.30 h

Inscrición previa no enderezo: begonhacuquejo@gmail.com. Organiza a asociación Composcleta.

 

Exposición fotográfica  “En bici, ti mesma”

7 - 15 marzo

Exposición que ten como obxectivo facer visible o uso da bicicleta como medio de transporte habitual entre as mulleres compostelás. As fotografías, realizadas polo alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, amosan as mulleres como ciclousuarias cotiás, coa súa vestimenta de cotío (roupa non necesariamente deportiva) e posando xunto á súa bicicleta. As fotografías exporanse nos escaparates de distintos establecementos do barrio de Altamira.

Organiza: Composcleta e ESAD Mestre Mateo. Colabora: asociación Distrito Altamira.

 

Actividades impulsadas dende a Concellería de Acción Cultural

 

Teatro: Emilia. Mujeres que se atreven (Parte 1)

10 de marzo, 20.30 h, Teatro Principal

Emilia. Mujeres que se atreven amosa a loita dunha muller, Emilia Pardo Bazán que, cara á fin do século XIX, porfía en ser ela mesma, conducirse de acordo cos seus desexos e vontade de escribir e participar na vida pública.

Máis información en www.compostelacapitalcultural.gal

 

Música clásica: Suite española. Rosa Torres Pardo e Rocío Márquez

15 marzo, 20.30 h, Auditorio de Galicia

A pianista Rosa Torres Pardo e a cantaora Rocío Márquez protagonizan o segundo dos concertos do Ciclo de Piano Ángel Brage, cun programa no que conviven obras de Granados, Albéniz e Falla.

Máis información en www.compostelacapitalcultural.gal

 

Inauguración de De como non casar. How not to get married

21 de marzo, 19.30 h, Zona “C”

Olalla Castro e Nicoleta Moise propoñen en De como non casar. How not to get married un itinerario gráfico, audiovisual e performativo no que diferentes supersticións, rituais e tradicións relacionadas con Galicia e con Santiago de Compostela son recompiladas e reinterpretadas. A intervención interdisciplinar inclúe investigación in situ dos “espazos supersticiosos”.

Entrada libre.

 

Concerto de Sés: Readmirando a condición

14 de abril, 21.00 h, Auditorio de Galicia

Sés presenta o vindeiro 14 de abril en Santiago o seu novo disco, Readmirando a condición. Este novo traballo, publicado o pasado 1 de decembro, está composto por doce temas, dos cales once corresponden ao seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “Sés” ao seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma, a diferenza do primeiro disco.

Máis información en www.compostelacapitalcultural.gal

 

Danza:  Si pudiera hablar de esto no haría esto Janet Novás

27 abril, 20.30 h, Teatro Principal

En Si pudiera hablar de esto no haría esto, Novás privilexia os materiais que deveñen das pulsións para afastarse desoutra faceta discursiva. Lonxe de formular un discurso ou tender unha reflexión colectiva, a artista entrégase ao xogo co corpo, co tempo e o espazo que a arrodean para compartir sensacións, iniciar un camiño a través das súas experiencias e necesidades de expresión, nunha peza na que a acción, a entrega o compromiso e a responsabilidade se volven imprescindibles. 

Máis información en www.compostelacapitalcultural.gal

 

Concerto de Adriana Calcanhotto: A Mulher do Pau-Brasil

27 de abril, 20.30 h, Auditorio de Galicia

Inspirada no movemento modernista brasileiro dos anos 20, no seu “Manifesto da Poesia Pau-Brasil”, e na súa influencia sobre o Tropicalismo (toda a información externa debe ser devorada e reinventada nos seus propios termos), e con base na aprendizaxe, na investigación e nos traballos desenvolvidos como profesora da Universidade de Coimbra e embaixadora da lingua portuguesa, Adriana Calcanhotto crea un novo espectáculo, no cal reflexiona sobre todas estas novas experiencias. Sucesos, temas inéditos, novas lecturas e reinvencións. Nestes concertos, Adriana Calcanhotto será acompañada por  Gabriel Muzak ( guitarra, mpc e voz), e Ricardo Dias Gomes  (piano, baixo e voz).

Máis información en www.compostelacapitalcultural.gal