Premio Xohana Torres

9 de Marzo de 2017
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure. da autora María Reimóndez foi o traballo premiado no I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. O galardón recuperardo con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa USC, manten a esencia pola que se creou, orientándose á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela. Ademais do gañador, houbo tres traballos máis presentados na categoría de ensaio: As irmáns Fandiño ricart, a locura como mecanismo de resistenciaEles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus; e Mulleres que romperon co seu destino: pioneiras compostelás nas ciencias experimentais.

Bases 2017 
Nesta edición 2017, ao igual que na pasada, ademais de estar dirixido a ensaios literarios ou científicos, o Premio ábrese tamén a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, facer visible as súas experiencias e os diversos roles sociais que estas teñen desempeñado. Con estes obxectivos, que pasan por recoñecer, valorar e impulsar todo tipo de traballos científicos, literarios e audiovisuais que recuperen a historia social e política das mulleres compostelás, convócase a segunda edición do Premio Xohana Torres.

Os traballos que se presenten ao Premio tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poderán ser ensaios literarios ou científicos ou pezas audiovisuais e sempre se referirán a mulleres compostelás. O prazo de presentación está aberto e remata o 31 de decembro.

 

Xohana Torres 
Poeta, dramaturga e novelista, naceu en Santiago de Compostela en 1931. A súa infancia e mocidade transcorreron en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen se inicia no coñecemento da literatura galega. Comezou a publicar poemas nas revistas AturuxoVida Gallega e Vieiros e, no ano 1958, recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. A súa obra poética mereceu tamén o Premio da Crítica Española (1981).

Como dramaturga é autora das obras Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre río (1968), esta última Premio Castelao de Teatro. No ano 1971 publica a novela Adiós María, gañadora do Premio de Galicia do Centro Galego de Bos Aires. No ano 1992 foi galardoada co Premio á Creación Feminina, instituído pola Xunta de Galicia. Autora tamén de obras de literatura infantil e tradutora, Xohana Torres obtivo o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña polo seu ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos e, no ano 1972, recibiu o Pedrón de Ouro polo seu continuado labor en prol de Galicia.

Como recoñecemento á súa obra, o 15 de febreiro de 2001 foi proposta polos académicos Salvador García Bodaño, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande para ocupar a vacante na Real Academia Galega que correspondera ata daquela a don Aquilino Iglesia Alvariño, logo do cal ingresou como académica numeraria o 27 de outubro de 2001 cun discurso titulado "Eu tamén navegar".