Premio de ensaio e creación audiovisual Xohana Torres

31 de Decembro de 2016
por: Concellaría de Igualdade. Concello de Santiago

O Premio Xohana Torres foi instituído pola Concellaría da Muller do Concello de Santiago de Compostela no ano 1992 co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade como no pasado, na vida da nosa comunidade. Nas primeiras dezasete edicións premiáronse os traballos inéditos de investigación referidos a calquera aspecto social, histórico ou humano das mulleres dentro da comunidade galega. Nas edicións correspondentes aos anos 2009 e o 2010, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico, para abarcar diversas disciplinas como a ciencia, a filosofía, a historia, a antropoloxía ou a literatura, tendo como obxectivos e protagonistas as mulleres galegas. Entre o 2011 e o 2015 este premio non foi convocado. Neste ano 2016 recuperamos de novo o Premio Xohana Torres e, mantendo a esencia pola que se creou, queremos orientalo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela.