Participación e sororidade para conmemorar o 8 de marzo
Dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, un ano máis, conmemorouse o Día Internacional das Mulleres, tratando de adquirir unha dimensión global, moito máis aló dun só día, e apostando pola transversalidade e a participación cidadá. Así, durante os meses de febreiro e marzo, desenvolvéronse un conxunto de actuacións dirixidas á construír unha Compostela máis igualitaria e amigable para/coas mulleres. É salientable a alta participación que houbo en todas estas actividades, chegando a esgotarse, na maioría dos casos, as prazas ou entradas dispoñibles.
O programa comezou coa realización dun obradoiro de gráfica feminista, impartido por Uqui Permui. Durante dúas xornadas creáronse grupos de traballo, que realizaron varios carteis con distintos enfoques. "Revolución sorora", "Error 404 Hembrismo not found", "Todo por escribir" ou "Chea e satisfeita" foron algunhas das ideas que xurdiron e que se materializaron graficamente.
Unha segunda actuación, froito dunha grande implicación cidadá e de semanas de intenso traballo, veu da mao do colectivo de mulleres “As da Aghulla”, que engalanaron e encheron de cores a praza do 8 de Marzo. As mantas de gancho e/ou calceta vestiron de cores as árbores, bancos, farois e demais espazos desta emblemática praza, ao tempo que se instalou a exposición fotográfica de “Mulleres da cidade en situacións cotiás”.
Por outra banda, as librarías de San Pablo, Pedreira, Ciranda, Tirana, Lila de Lilith, Numax, Couceiro, Cronopios, Ler, Follas Novas e Chan da Pólvora e as bibliotecas Ánxel Casal, Xeral da USC e Concepción Arenal e as editoriais Alvarellos, Positivas e Urco, foron as protagonistas da iniciativa “Literarias”, na que se convidou de novo ás librarías, editoriais e bibliotecas de Compostela a que se implicasen na promoción da igualdade de xénero.
Así, durante a primeira quincena do mes de marzo destacaron nos seus escaparates, zonas visibles, tendas en liña, redes sociais e páxinas web, escolmas de libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista, poñendo en valor a escritura de autoras que fomente os dereitos das mulleres, faga visible a loita feminista e permita ollar máis aló dos estereotipos sexistas.
E tamén tivemos fútbol. As seleccións de fútbol sala feminino de Galicia e Cataluña brindáronnos un emocionante partido no Pavillón de Santa Isabel. Foi o primeiro partido da selección galega absoluta feminina de fútbol sala desde o ano 1998, e estivo organizado conxuntamente pola Federación Galega de Fútbol, o Santiago Futsal e o Concello de Santiago de Compostela. Ámbalas dúas seleccións foron recibidas polo goberno municipal e outros representantes da corporación . Co obxectivo de facer visible o deporte feminino propúxose o hastag #ElasTaménXogan. E aínda que o importante é xogar, temos que dicir que rematamos como campioas: Galicia 6 - Cataluña 2.
O propio 8 de marzo levouse a cabo a resolución do Premio Xohana Torres e celebrouse o espectáculo Bravas e diversas.
“Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure”, de María Reimóndez foi o traballo premiado no I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual.
Este galardón, recuperado con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa USC, mantén a esencia pola que se creou, orientándose á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela. Ademais do gañador, houbo tres traballos máis presentados na categoría de ensaio: “As irmáns Fandiño Ricart, a loucura como mecanismo de resistencia”, “Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus” , e “Mulleres que romperon co seu destino: pioneiras compostelás nas ciencias experimentais”.
Xa está, tamén, convocada a nova edición 2017 deste premio dirixido, ao igual que o ano pasado, tanto a ensaios literarios ou científicos como a traballos audiovisuais, que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, facer visible as súas experiencias e os diversos roles sociais que estas teñen desempeñado. O prazo para presentar traballos abriuse o propio 8 de marzo e remata o 31 de decembro de 2017.
As Fillas Bravas
Con elas chegou, sen dúbida, un espectáculo moi especial. Bravas e diversas foi unha función elaborada de forma específica por Chévere para conmemorar o 8 de Marzo en Compostela. Un emotivo, festeiro e reivindicativo espectáculo teatral e musical conducido polas Fillas Bravas (Patrica de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar) e coa participación de Clara Gayo, Esther Carrodeguas, Renata Otero, Marta Alonso, Menina Arroutada&Glitch Girl e Leilía. No proceso de elaboración desta obra leváronse a cabo unha serie de obradoiros con determinados colectivos da cidade -Xiara, Asociación de traballadoras do fogar, un grupo de mulleres do rural e un grupo de homes implicados coa igualdade- , para incorporar a súa perspectiva e visión sobre as temáticas abordadas.
Ademais, as Fillas bravas pasaron tamén por varias parroquias compostelás, concretamente tiveron a oportunidade de coñecer á veciñanza da Enfesta, de Laraño e de Bando. Deste xeito, o teatro con perspectiva de xénero foi achegado ao rural compostelá.
Outro dos espectáculos de teatro dos cales puidemos gozar veu da man da compañía Inversa Teatro, que presentou a súa obra Té con Kant, un texto teatral e filosófico na nosa lingua e protagonizado por mulleres. Todo enfeitado cun humor intelixente que captou desde o inicio ao estudantado de bacharelato dos IES públicos do municipio e da USC, que encheu as prazas do Paraninfo da Facultade de Historia da USC.
E a artista María Xosé Domínguez, realizou a intervención "Sons cor violeta" nos soportais do Pazo de Raxoi. Unha homenaxe ás vítimas do incendio ocorrido o 8 de marzo de 1911 na fábrica textil “Triangle Shirwaist” de Nova Iorque. Alí morreron 126 traballadoras, unha traxedia que provocou que hoxe se celebre o 8 de marzo como o Día Internacional das Mulleres. A homenaxe elaborouse a través da experiencia visual, fusionándose imaxes dixitais, iluminación, son e fume.
Exposicións
Organizáronse durante o mes tres exposicións en diversos lugares da cidade. Na sala de Abanca, puidemos ver a obra de oito artistas galegas que ilustran o libro “Elas” de Aurora Marco: Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiraldez, Mª Manuela, Mª Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro. Na presentación-inauguración, participou a Concelleira de Igualdade, Marta Lois, xunto co editor de Xanela e Aurora Marco; a música púxoa Mª Manuela.
Un momento da presentación de ‘Elas’
Exposición de María Maquieira na Fundación Eugenio Granell
Tamén se puido visitar a obra de María Maquieira, na Fundación Eugenio Granell. Unha exposición organizada dende a Concellaría de Políticas Sociais, que levou por título αφορά, que en grego significa “Lembranzas”. A figura feminina e a súa mirada, son as protagonistas dos debuxos e acuarelas que conforman esta exposición, na cal a autora retrata as sensacións vividas durante un proceso de recuperación tras a perda de visión dun ollo. A inauguración levouse a cabo o día 1 de marzo coa realización da mesa redonda “Mulleres con diversidade funcional e desigualdades de xénero”.
Asemande, no centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche, amosouse unha serie de mensaxes e ilustracións co obxectivo de sensibilizar á poboación moza sobre determinados comportamentos, actitudes ou comentarios cotiás que están normalizados e que discriminan e perpetúan as desigualdades das mulleres, é dicir, sobre os denominados micromachismos. Organizada pola Concellaría de Mocidade en resposta a unha proposta realizada no marco dos orzamentos participativos, esta campaña de sensibilización, que leva por título "Tamén é machismo", está agora itinerante por todos os IES de Santiago.
Para rematar, un broche de ouro, co homenaxe ás lavandeiras no parque de Galeras
En resposta a unha petición da Plataforma de Galeras, o 17 de marzo inaugurouse no parque de Galeras unha placa-mural cunha foto e un texto en lembranza e homenaxe das lavandeiras de Compostela. No acto estiveron presentes integrantes da Corporación, da Plataforma de Galeras e cidadanía en xeral, así como a historiadora Encarna Otero, quen, no marco deste acto, se achegou tamén ao CEIP Raíña Fabiola para trasladarlle a alumnado de varias clases os seus coñecementos sobre as lavandeiras.
Momento da homenaxe ás lavandeiras no parque de Galeras, coa Plataforma da veciñanza