O Concello repudia o triplo asasinato de Valga e denuncia as mensaxes que "contribúen a xustificar a violencia de xénero"

17 de Setembro de 2019
por: TM

A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un minuto de silencio para condenar o asasinato machista de tres mulleres este luns en Valga (Pontevedra). Ademais, leuse unha declaración institucional, asinada polos catro grupos municipais, en solidariedade coas vítimas e en apoio ás mobilizacións feministas convocadas para o 18 de setembro e á campaña #EmerxenciaFeminista, promovida con motivo da acción prevista para o 20 de setembro.

Na declaración incídese en que o de 2019 será lembrado coma "un verán negro, cun mes de xullo en que cada dous días unha muller foi asasinada. En Galicia son xa este ano cinco as vítimas, tres delas onte mesmo no Concello veciño de Valga. Por se isto fose pouco, dúas das mulleres asasinadas onte non computarán como vítimas de violencia de xénero. Ata cando estes crimes machistas produto dun sistema patriarcal fortemente arraigado na nosa sociedade?". Son máis de 1.000 mulleres asasinadas dende 2003.

A Corporación súmase á "emerxencia feminista", porque "non se pode seguir normalizando esta situación, non se pode seguir condenando as mulleres a conviviren co terror machista". Por iso, reza a declaración, "basta de mirar cara a outro lado, da falta de compromiso, da permisividade cos erros. Esiximos responsabilidade e maior compromiso de todas as institucións do noso Estado de Dereito".

Por todo, o Concello de Santiago acordou apoiar as mobilizacións feministas de rexeitamento ao triplo feminicidio de Valga convocadas para este mércores; solicitar a modificación legal que permita computar como vítimas de violencia de xénero a familiares e outras persoas asasinadas polo terror machista; e apoiar a campaña #EmerxenciaFeminista, convocada polas organizacións feministas.

O Concello colaborará con esta campaña iluminando de violeta a praza do 8 de Marzo a noite do venres, 20 de setembro, como mostra do compromiso na loita contra a violencia machista, e prestará o apoio e soporte preciso para a organización da concentración/manifestación que terá lugar ese mesmo día ás 21:00 horas.

A Corporación compostelá maniféstase publicamente "contra os asasinatos machistas e contra toda forma de violencia contra as mulleres, contra a súa normalización e contra a apatía e a indiferenza". Ademais do pronunciamento mediante esta declaración, tamén se posiciona contra "todas aquelas medidas, campañas e mensaxes que contribúan á xustificación da violencia de xénero e que promovan a súa minusvaloración ou cuestionamento así como das ferramentas normativas das que nos temos dotado para combatela. Non podemos permitir que teñan un espazo de poder quen non recoñece a violencia de xénero como un problema social, contra o que hai que loitar sen descanso dende todas as instancias".

Estas mensaxes foron lidas no Obradoiro pola concelleira de Igualdade, Noa Díaz e polos voceiros do PP, Alejandro Sánchez-Brunete; Compostela Aberta, Martiño Noriega; e BNG, Goretti Sanmartín.