O Concello organiza con Woman Emprende a I edición da Feira de Emprendedoras de Compostela
A Concellaría de Desenvolvemento Económico organiza co programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela a I Feira de Emprendedoras de Compostela, dedicada ás mulleres que emprenden no sector artesanal. Esta feira nace co obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna. Será o próximo venres 7 de xuño durante toda a mañá.
Nesta primeira edición a temática e o sector escollido é o artesanal, no que se traballan valores asociados á creatividade, ás profesións, ao impacto social e medioambiental dun xeito compatible coa creación de empresas innovadoras, ligadas ao sector tecnolóxico e viables economicamente, pero poñendo no centro das organizacións ás persoas, tanto como produtoras como consumidoras.
Para ir abrindo boca, a partir do luns 3 contarase no mercado da Galiciana co Espazo de Tradición e Artesanía no que exporán as artesás Sandra Vilas Fernández, de Boina Galega; Edita Rodríguez Oca, de Jatafarta; Beatriz Méndez Campos, de Floriforma; Minia Banet Fraga, de Variopinto; Kinga Haudek, de Kinga Haudek Joyería Artística, e Rosario López Gómez, de Charo López Atelier.
Xa o propio venres 7, durante as primeiras horas do día celebrarase unha sesión interna formativa dirixida ás mulleres que queren emprender e precisan de ferramentas que as acheguen á unha axeitada comunicación empresarial. A continuación abrirase ao público un espazo para a exposición en formato feira, con stands nos que as artesás amosen e expliquen os seus produtos. Será un traballo de empoderamento para que as persoas visitantes poidan apreciar a calidade dos traballos, o esforzo nos procesos de elaboración, o valor dos oficios moi vinculados á veciñanza non rifados coa innovación, o uso de novas técnicas e tecnoloxías e a internacionalización dalgún deles. Búscase tecer unha rede de colaboración tanto entre ás artesás participantes, como entre toda a cidadanía, que rache o concepto erróneo e estereotipado sobre produtos e servizos elaborados nos talleres, e aprecie o valor engadido dos mesmos.
Tamén haberá un momento para aprendizaxe e o debate entre mulleres que teñen unha longa traxectoria empresarial no eido artesanal con mulleres que se inician nesta actividade e a están expoñendo como modelo de vida no que abordaran temas como a corresponsabilidade, a venda on line, a interxeracionalidade ou o consumo responsable.
Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea (www.idoiacuesta.com).
Todas as mulleres interesadas en participar poderán inscribirse a través dos teléfonos 900 100 981 ou 881 815 561 e do enderezo iria.fontela@usc.es
PROGRAMA DO EVENTO
9.00 - 12.00 Taller formativo para as artesás: “Sabes como crear interese no teu proxecto empresarial? Técnicas e estratexias de comunicación”. Formación dirixida ás emprendedoras que lideren proxectos artesanais da comarca de Santiago de Compostela, coa finalidade de elaborar un breve discurso de presentación que se usa para informar sobre elas mesmas, as súas empresas e os seus produtos e servizos. A mensaxe elaborada por cada unha delas expoñerase na sesión networking. (Edificio CIEDUS)
12.00 - 12.45 Café Networking e visita á exposición dos proxectos empresariais das emprendedoras (Casa de Europa). Comisaria da Feira Expositiva: Elena Fabeiro, xerente Fundación Artesanía de Galicia
12.45 - 13.00 Inauguración da Feira (Edificio CIEDUS):
Universidade de Santiago de Compostela
Concello de Santiago de Compostela
13.00 - 13.45 Mesa de debate e sesión de preguntas (mentoring) dirixidas a emprendedoras cunha longa traxectoria no mundo empresarial. Esta sesión permitirá a emprendedoras en fase inicial resolver dúbidas do camiño emprendedor que lles espera (Edificio CIEDUS). Intervirán:
-Jose Castro de Noroeste Obradoiro, Santiago de Compostela. Xoiería contemporánea
-Palmira Marcote de Mimadriña, Sardiñeiro, Fisterra. Proxecto de artesanía e creatividade aplicado á educación social, que emprega o papel para crear pezas artesanais
-Inés Rodríguez de Rir & Co, Allariz. Tecelá
-Beatriz López da Tenda Boles, Santiago de Compostela. Artesanía útil
Modera: Elena Fabeiro, xerente da fundación Artesanía de Galicia
13.45 - 14.15 Testemuña da emprendedora Idoia Cuesta. Fundadora de Idoia Cuesta, Cestería Contemporánea. Desde o seu taller de Outeiro de Rei elabora as coleccións que presenta tanto en feiras de artesanía galegas, como en feiras profesionais fóra de Galicia, en Londres ou París. Alí establece contacto con tendas para posteriormente traballar sobre pedidos. Foi precisamente nunha das feiras internacionais na que participou onde unha casualidade a puxo en contacto coa firma Loewe (Edificio CIEDUS).
Peche da Feira:
Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela
Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago de Compostela.