O Comando Igualdade estará en Compostela
O Comando Igualdade estará en Compostela o martes 21 de novembro: ás 12:45h no IES Rosalía de Castro e ás 17h no CSC das Fontiñas, no marco do Programa Compostela Móvese 2017.
O Comando Igualdade é un grupo aberto de persoas novas que naceu no IES Alexandre Bóveda de Vigo da man de Chis Oliveira e que cada día medra máis. Actualmente son 60 persoas, maiormente de bacharelato aínda que algunhas xa remataron no instituto e están na universidade.
O grupo de mozas e mozos feministas explican como: “de xeito colectivo deconstruímonos, desaprendemos o machismo aprendido, construímos e coñecemos novas realidades e aprendemos a utilizar as gafas moradas no noso día a día. Aspiramos a chegar a outras persoas novas que coma nós entendan que os papeis que o patriarcado tennos asignado nos constrinxen e limitan. Falamos das nosas experiencias persoais, de como o machismo nos afecta e nos dana. Formulamos estratexias para vencelo e mellorar persoal e colectivamente, creando como primeiro paso este espazo libre de violencias machistas. Celebramos, así mesmo, a diversidade de identidades e orientacións sexuais, de sensibilidades, de idades e de correntes de pensamento. Dende diversos sitios témonos atopado no Comando para loitar por unha sociedade máis xusta, máis sa e máis pracenteira.”
Para saber máis, podes ampliar información nas súas redes sociais nos enlaces!