O CIM publica unha serie de audiovisuais de Cruz Dafonte e Manuel Tato

3 de Xaneiro de 2022

O CIM Compostela estreou esta mañá -co novo ano- na súa web Homes do futuro, unha serie de catro audiovisuais nos que Cruz Dafonte e Manuel Tato recollen as reflexións sobre diferentes temáticas relacionadas coas violencias machistas de nove mozos de Santiago de Compostela de idades comprendidas entre os 10 e os 29 anos.

A metodoloxía que empregaron para realizar o proxecto consistiu en entrevistas individualizadas en diferentes contextos nos que se relacionan os nosos protagonistas. As súas respostas espontáneas poden servirnos de diagnose para analizar desde outra óptica as diversas formas e ámbitos nos que se manifesta a violencia contra as mulleres.

Estas pezas queren abrir un debate social para buscar propostas conxuntas a ter en conta á hora de planificar futuras políticas públicas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas.​